A Deputación da Coruña presentará recurso xudicial pola sentenza do Pazo de Meirás

Os deputados Bernardo Fernández e Xosé Luís Penas transmitirán a decisión do Goberno provincial aos membros da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. 
O Pazo de Meirás, no día da súa devolución ao dominio público (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O Pazo de Meirás, no día da súa devolución ao dominio público (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O Goberno da Deputación da Coruña anuncia a decisión de presentar recurso xudicial á sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que reafirma que o Pazo de Meirás pertence ao patrimonio público, como defendeu a Deputación desde o inicio do proceso, pero establece unha indemnización á familia Franco polos gastos de mantemento do inmoble, un punto co que o Goberno provincial non está de acordo, pois entende que os Franco xa se beneficiaron durante moitos anos a nivel particular do uso dun edificio público.

Os deputados Bernardo Fernández e Xosé Luís Penas transmitirán a decisión do Goberno provincial aos membros da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás durante a reunión telemática que terá lugar esta tarde, na que os diferentes especialistas, organismos e entidades representadas analizarán o contido da sentenza e a situación actual. Na Xunta Pro Devolución están representados os concellos de Sada e A Coruña, as universidades, entidades de recuperación da memoria histórica e especialistas como Emilio Grandío e Xabier Ferreira, autores dos informes histórico-xurídicos cos que a Deputación da Coruña abriu o camiño para a defensa xudicial da devolución do Pazo de Meirás ao Estado.

Desde a Deputación da Coruña enténdese que o recurso continúa o camiño iniciado por esta institución de contribuír á devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público achegando argumentos e datos que fundamentan esta decisión ademais de responder á opinión amplamente maioritaria manifestada por moitos dos membros da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás de que non se debe indemnizar á familia.

Os representantes da Deputación da Coruña na Xunta lembran que desde esta institución desenvolveuse un intenso traballo participativo que sumou forzas de institucións e entidades para conseguir finalmente "facer xustiza e conseguir recuperar a titularidade pública do Pazo" e quere agora "levar esa vontade até as últimas consecuencias para conseguir que este capítulo do franquismo chegue ao seu fin e o Pazo de Meirás poda ser un espazo compartido socialmente e non un feudo privado da familia do ditador".

Comentarios