Os Franco cifran en 800.000 euros a reconstrucción do Pazo de Meirás

A representación legal da familia Franco estuda o recurso ante o Tribunal Supremo contra o veredicto da Audiencia Provincial da Coruña.
M.Dylan.
photo_camera Chave do Pazo de Meirás (Foto: M.Dylan / Europa Press)

A representación legal da familia Franco estuda o recurso ante o Tribunal Supremo contra o veredicto da Audiencia Provincial da Coruña que ratifica que o pazo de Meirás é propiedade do Estado, mais rexeita a “mala fe” por parte dos herdeiros do ditador e recoñece o dereito a unha indemnización.

O avogado, Luís Felipe Utrera-Molina, admitiu que “é difícil” facer unha estimación do importe da indemnización nestes momentos. “Mais tendo en conta que se a sentenza recoñece o dereito dos meus clientes para ser indemnizados cos gastos necesarios e tamén os útiles, non só habería que reembolsar o custo da reconstrución, que é sensibelmente superior a 800.000 euros”, apuntou o letrado.

Esta cifra podería “elevarse de modo moi considerábel” se se determina que tamén “habería que reembolsar con todos os gastos útiles e necesarios desde 1975 até o ano 2020”. 

Con todo, Ultrera-Molina recalca que os seus clientes “seguen confiando en que finalmente a Xustiza lles dará a razón polo que ese escenario só haberá que afrontalo no caso de que o actual pronunciamento á propiedade do pazo deviñese firme”. 

"Contradicións" na resolución

Segundo apunta o letrado, “a sentenza incorre en serias contradicións nas súas valoracións xurídicas respecto á usucapión –termo legal respecto ao modo de adquirir a propiedade tras ser posuidor por un tempo determinado– , que consideramos ábrennos a porta da casación".

Sobre a sentenza da Audiencia Provincial, o avogado destaca que "corrixe de forma contundente gran parte dos erros grosos da sentenza de primeira instancia, recoñecendo por exemplo que a intención de todos no ano 1938 era regalar o pazo a Francisco Franco e non á Xefatura do Estado".

Por outra banda, Ultrera-Molina afirma que a sentenza “recolle tamén que o noso dereito admite a desafectación tácita, o que foi negado até a saciedade pola Avogacía do Estado”.

Ademais, "considera acreditado que os meus clientes posuíron de forma pública, pacífica, ininterrompida e de boa fe o pazo de Meirás desde que este deixase de estar afecto ao servizo público, o que resulta chave de fronte ao recoñecemento da propiedade dos meus representados sobre o inmóbel", conclúe.

Comentarios