O Concello da Coruña recorrerá o fallo sobre o Pazo de Meirás que obriga indemnizar os Franco

"É complicado de entender e de explicar esa parte da sentenza onde se fala de posesión de boa fe e esa obrigación de indemnizar a quen non era lexitimo dono do pazo", di Inés Rey, alcaldesa.
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, confirmou que recorrerán a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o pazo de Meirás que obriga a indemnizar os Franco polos gastos contraídos desde 1975 e que considera que actuaron de "boa fe", aínda que ratifica que o inmóbel é do patrimonio público.

Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, despois de que primeiro o Concello de Sada e logo a Deputación coruñesa anunciasen que recorrerán, fronte ao posicionamento mantido pola Avogacía do Estado, que non recorrerá, do mesmo xeito que a Xunta.

"Entendemos que é suscepíbel de ser recurríbel", manifestou a alcaldesa coincidindo coa súa presenza no acto de plantación dunha árbore procedente da casa familiar da escritora Rosalía de Castro.

A rexedora asegurou respectar "os posicionamentos procesuais de todas as partes", pero incidiu en que o "compromiso" do Concello da Coruña é "firme". "É complicado de entender e de explicar esa parte da sentenza onde se fala de posesión de boa fe e esa obrigación de indemnizar a quen non era lexitimo dono do pazo", engadiu, lembrando que haberá que esperar a que o Supremo admita o recurso ao ser de casación.

En canto á repercusión da resolución da Audiencia da Coruña no preito que o consistorio xa avanzou que fará para recuperar a Casa Cornide, Inés Rey insistiu en que son "cuestións e realidades xurídicas diferentes". No entanto, admitiu que lles preocupaba que quedarán "asentados" aspectos recoller na citada sentenza e que, por iso, recorrerán.

O BNG indica que o seu portavoz no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, rexistrou esta terza feira un rogo oral á alcaldesa para esta dar instrucións aos servizos xurídicos do Concello en orde a que se presentase un recurso contra esa sentenza da Audiencia Provincial. "O BNG, por tanto, non pode menos que congratularse ante o anuncio feito pola alcaldesa este mesmo xoves de que, con efecto, o Concello interporá ese recurso".

Comentarios