A Xunta súmase a Monbus e Alsa e recorre a sentenza do TSXG por "repartición" do mercado

BNG e PSdeG censuran a decisión da Comisión Galega da Competencia, dependente da Administración galega, de non acatar a sentenza e elevala ao Supremo.
O presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, en comisión parlamentaria. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, en comisión parlamentaria. (Foto: Europa Press)

A Comisión Galega da Competencia, entidade dependente da Xunta da Galiza, acordou recorrer ao Tribunal Supremo, como no seu día anunciara a compañía Monbus que faría e fixo, do mesmo modo que Alsa, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) por suposta repartición de mercado. O presidente da Comisión, Ignacio López-Chaves, confirmouno esta quinta feira na súa comparecencia diante da comisión de Economía do Parlamento, xustificando a decisión "por unha cuestión" en concreto: para determinar se debe "aplicar o test de necesidade ou o de razoabilidade empresarial".

"Se nos rexeitan o recurso ao Supremo e hai que aplicar o test de necesidade, aplicarémolo. Pero o recurso foi para saber cal aplicar", argumentou, en referencia ás normas para valorar a concorrencia de unións temporais de empresas. Segundo expuxo, "fronte a unha postura tradicional-conservadora, está a alzarse unha corrente non só doutrinal, senón xurisprudencial, de valorar aspectos procompetitivos da UTE". Por iso a comisión "aplicou a teoría da razoabilidade empresarial", aínda que se o tribunal "considera que é aplicábel o test de necesidade, será o que se aplique", ratificou.

En 2021, a Comisión Galega da Competencia arquivou as actuacións a raíz das denuncias que presentaran a CIG e Travieso Consultores de Xestión e Software de Transporte de Viaxeiros. Despois, foi Travieso Software Transporte de Viaxeros a que recorreu a decisión de Competencia.

A sentenza, do 10 de marzo deste ano, advirte que a mencionada comisión arquivou o caso "sen realizar a comprobación dos feitos denunciados, existindo indicios racionais de infracción".  Polo tanto, os maxistrados do TSXG decretan a nulidade da resolución da comisión de Competencia.

Críticas da oposición

Logo de expor na súa primeira intervención cuestións relativas á Memoria de 2022 da Comisión Galega da Competencia e as actuacións previstas para este ano 2023, López-Chaves foi interrogado e criticado por este asunto polos portavoces da oposición, BNG e PSdeG. A deputada do Bloque María do Carme González Iglesias sinalou as supostas "prácticas anticompetitivas por parte de Monbus e Alsa acordando repartirse os lotes" e lembrou que "houbo numerosas denuncias" tanto na mesa de contratación, "que fixo oídos xordos", como ante Competencia.

"O resultado foi exactamente o mesmo. Concluíron que non existía indicio de vulneración, así que avalaron a posición da consellería e arquivaron o caso e a outra cousa", censurou. Agora, repróchalle "anunciar que no canto de acatar a resolución o que vai facer [o ente público] é recorrer a sentenza". Os nacionalistas levan tempo denunciando a "conivencia do PP con estas empresas", incidiu.

Trátase, ao seu xuízo, "dun tema moi grave de trato de favor" e a parlamentaria ve a López-Chaves "tan culpábel como a conselleira [Ethel Vázquez], porque non fixo o seu traballo". "Espero que dea as explicacións oportunas por esta vergoñosa actuación da Comisión", subliñou, antes de obter a resposta por parte do presidente da Comisión sobre que o recurso busca, segundo dixo, aclarar criterios.

Por parte do PSdeG, Gonzalo Caballero mostrou a súa "preocupación" e pediu unha "valoración" da sentenza que ve "indicios racionais de infracción". "Vostedes decidiron non actuar, deixando de cumprir as súas funcións. Iso fai dubidar de toda a actuación da comisión, por iso pedimos que explique que ocorreu, rectifiquen o mal feito e dean garantías de que podemos confiar", advertiu.

Comentarios