Parlamento

A Xunta non aprobou 70% das leis que prometeu para esta lexislatura

O BNG acusa o Goberno de "parálise lexislativa".
Luís Bará criticou esta segunda feira os "incumprimentos" do Executivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará criticou esta segunda feira os "incumprimentos" do Executivo. (Foto: Nós Diario)

O plan lexislativo presentado pola Xunta da Galiza en 2021 contemplaba aprobar dez leis nesta lexislatura, e sete delas "aínda non foron aprobadas", segundo denunciou esta segunda feira o BNG. É o caso, entre outras, informou o viceportavoz parlamentario, Luís Bará, das normas de artesanía, patrimonio, estatística, educación para adultos ou prevención do consumo de alcohol e tabaco.

Ao plan do 2021 sucedeulle o aprobado polo Consello da Xunta para 2020-2024, que incluía oito novas leis para ser aprobadas en 2022 e 13 para 2023. Entre estas últimas inclúense, por exemplo, a de incendios, clima, igualdade de homes e mulleres ou inclusión social.

Bará criticou a “parálise lexislativa” do Executivo galego, un síntoma claro, precisou, de que “estamos ao final dun ciclo político, cun Goberno en decadencia e sen ninguén ao mando” fronte ao que o BNG se presenta como "alternativa".

Nesta liña, anunciou que a formación nacionalista presentará no Debate do Estado da Nación, en outubro, a súa alternativa para gobernar Galiza "con medidas que axuden as persoas que peor o están pasando".

Comentarios