A Xunta enfróntase á xustiza e manterá o trazado da vía Ártabra

Durante a sesión plenaria do Parlamento galego desta cuarta feira, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta "cumprirá a sentenza" pero manterá A Gándara como ligazón coa A-6 a pesar da resolución contraria do TSXG.
A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).

A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade manterá o trazado ideado para a vía Ártabra a pesar das decisións xudiciais que deron a razón ao Concello de Cambre, ratificadas en última instancia a finais de novembro co arquivo polo Supremo do recurso da Xunta contra a resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anula unha parte do proxecto.

Esta cuarta feira, durante a súa resposta a unha pregunta formulada polo deputado socialista Pablo Arangüena durante a sesión plenaria do Parlamento galego, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta "cumprirá a sentenza" pero manterá A Gándara como ligazón coa A-6.

"O trazado non vai cambiar", aseverou Vázquez, que avanzou que o contrato coa construtora será rescindido e reiniciarase o proceso, pero que a vía Ártabra manterá o seu trazado pola Gándara.

A conselleira acusou o Partido Socialista de "usar" ao seu favor "o moito diñeiro e tempo perdido" neste asunto, ao que Arangüena respondeu que a zona da Coruña "non pode ser refén da incompetencia" da Xunta plasmada en "revolcóns xudiciais enormes".

Estación de buses de Vigo

Por outra parte, a titular de Infraestruturas tamén respondeu a unha pregunta oral do Grupo Popular sobre a construción da terminal de autobuses que formará parte da estación intermodal de Vigo.

"Hai quen pensa que o conflito lle dá popularidade", aseverou Vázquez en alusión ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen acusou de non actuar con "responsabilidade" e "respecto institucional".

Comentarios