A Xunta autoriza estes tres novos parques eólicos de Greenalia

As infraestruturas situaranse nos termos municipais da Pastoriza, Meira, Becerreá, Baralla e Baleira.
Parque eólico Ourol, operado por Greenalia no concello homónimo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Parque eólico Ourol, operado por Greenalia no concello homónimo. (Foto: Greenalia)

A Xunta da Galiza vén de outorgar a autorización administrativa previa e de construción para tres parques eólicos de Greenalia, que xa superaran o trámite ambiental. Un deles, Carballal, sitúase na Pastoriza (Terra Chá); outro, As Louseiras, entre A Pastoriza e Meira (Terra Chá e Meira), e un terceiro, Monteiro, entre os municipios de Becerreá, Baralla e Baleira (Os Ancares e A Fonsagrada).

Así, o parque denominado Monteiro, que abarca os tres municipios antes citados, será o de maior extensión destes tres, xa que contará con cinco aeroxeradores e terá unha potencia de 33 megawatts, cun orzamento de máis de 25 millóns de euros.

Pola súa parte, o parque eólico As Louseiras contará con case 20 megawatts de potencia a través de tres aeroxeradores. Neste caso Greenalia prevé un investimento de máis de 16 millóns de euros.

Por último, o parque Carballal contará con tres aeroxeradores, cunha potencia de 18,75 megawatts. O investimento previsto é de 16 millóns de euros neste caso.

Comentarios