A empresa da súa irmá amárgalle a campaña a Feijóo

Un total de 1,4 millóns de euros en contratos da Xunta para o Grupo Eulen, do cal é apoderada Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente, están a amargar a campaña a do PP. Ás concesións da Xunta súmanselle as outorgadas por concellos gobernados polo PP, como a recente xestión das Bibliotecas da Coruña por 2.265.741 € ao ano, concedida a través dun irregular concurso.

 
Micaela Núñez Feijóo co seu irmán.
photo_camera Micaela Núñez Feijóo co seu irmán.

A expansión do Grupo Eulen en territorio galego medrou a ritmos axigantados no goberno de Feijóo e nas cidades gobernadas polo PP. A empresa da cal é apoderada Micaela Núñez, irmá de Feijóo, gañou baixo o paraugas do partido de seu irmán unha inxente cantidade de contratos, en especial no ámbito cultural, o que provocou o malestar de numerosas empresas de xestión cultural que observaron con estupor como, nun momento de crise do sector a empresa radicada en Madrid ía facéndose cos traballos do ámbito nas administracións públicas.

Sermos Galiza iniciaba a súa andaina na rede o 26 de abril cunha ampla información titulada “Empresa vinculada ao PP monopoliza a xestión de centros culturais” en que se daba conta de que o grupo centrado en servizos de mantemento, seguridade e limpeza se facía coa xestión do Teatro Jofre de Ferrol e o Colón da Coruña. No Colón, dependente da Deputación da Coruña, Eulen facíase co concurso fronte á oferta máis ventaxosa economicamente presentada por Cávea Producións, participada ao cento por cento pola caixa galega e que levaba xestionando o teatro desde o 2007.

Deuxe unha situación similar no concurso para xestionar a Rede de Bibliotecas da Coruña, convocatoria do concello con que se fixo Eulen no pasado mes de agosto. Até esta última, todas as convocatorias recollían como requisito indispensábel para se presentar se unha empresa especializada na xestión bibliotecaria, condición que non ten Eulen. No último concurso o goberno municipal eliminou esa condición, o que facilitou a presentación do grupo empresarial, que resultou gañadora do total das seis empresas presentadas.

A xestión da Rede de Espazos Xoves de Dinamización Xuvenil e Emancipación, dos almacéns do polígono do Tambre da Consellería de Cultura son outras das concesións da Xunta coa empresa da irmá de Feijóo. A convocatoria con que Eulen se fixo na Facultade de Belas Artes para o servizo de modelos ao vivo tivo gran repercusión polas manifestacións públicas das persoas afectadas.

Non foi o único caso polo que Eulen provocou a atención das persoas damnificadas. A concesión a Eulen da xestión da atención telefónica das vítimas da estafa das preferentes foi obxecto de grandes críticas. O contrato adxudicouse sen publicación previa en ningún boletín nin diario oficial e tería un custo de 85.000 euros do erario público. O BNG pedira contas ao PP no Parlamento pola concesión dos laudos das preferentes a Eulen. 

A empresa de limpeza foi fundada en Bilbo en 1962 e hoxe é unha multinacional con presenza en América Latina, Estados Unidos e Portugal. O seu cadro de persoal está composto por máis de 80.000 persoas. A súa raíz está nos servizos de mantemento, limpeza e seguridade, coa singularidade de ser tamén a propietaria das adegas Vega Sicilia.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Eleccions2012
comentarios