A Xunta ábrese a incorporar alegacións á Lei da auga

As taxas da auga subirán 60%, alerta a oposición.
A Consellaría sostén que a lei mellorará a calidade da auga (Foto: Leonardo Borges)
photo_camera A Consellaría sostén que a lei mellorará a calidade da auga (Foto: Leonardo Borges)

Logo das críticas de distintos concellos e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pola futura Lei do ciclo da auga que prepara a Xunta, o Executivo galego ábrese agora a incorporar "algunha" das alegacións recibidas, unhas achegas que “está a estudar" nestes momentos. 

Disto informou esta cuarta feira, 27 de outubro, no pleno do Parlamento galego a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha interpelación formulada polo deputado nacionalista Luís Bará, que advertiu de que o Goberno galego "vai por mal camiño" se pretende "impor" este proxecto que cualificou de "lei do sabrazo da auga".

A conselleira afirmou que a Xunta actúa coa "maior transparencia", ampliando mesmo “por dúas veces o prazo de consulta pública”, e acusou o BNG de ter un "afán permanente de desgaste" con "mentiras ". "Esta lei é para protexer a calidade da auga e vostedes utilizan a mentira de falar do recibo", criticou a conselleira.

Enfronte, o nacionalista Luís Bará sinalou que a propia Fegamp “cuestionou este anteproxecto” por representar un “aumento abusivo das taxas en 60%” segundo o informe remitido no mes de setembro coas deficiencias e tarifas do anteproxecto, un informe afirmou, “avalado polo BNG, PSdeG e PP”.

Ademais, cualificou de inadmisíbel o "ataque" da conselleira á alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG), por criticar a lei e preguntou se Ethel Vázquez remitiu “a mesma carta ameazante” que enviou a Tomiño a todos os Concellos que tamén criticaron o anteproxecto.

Na misiva, recalcou Bará, "ameazouse con traspasar a depuradora no caso de non acometer as obras exixidas pola Xunta".

Verteduras en Lalín

Por outra banda, a conselleira tamén defendeu as tarefas de control e inspección da Xunta ante verteduras nas concas fluviais despois de ser cuestionada na sesión plenaria polo deputado do PSdeG Pablo Arangüena, que aludiu, en concreto, ao caso dos ríos Deza e Asneiro. 

O socialista alertou de que os vertidos “están empeorando e alcanzado niveis desmedidos e esaxerados ante a pasividade da propia Xunta e do Concello de Lalín, onde están emprazados o parque empresarial e a depuradora dos que se supón que proceden [os vertidos] desde hai moitos anos”.

Comentarios