A factura da auga, até 60% máis cara coa lei que prepara a Xunta

A lei implica un "imposto á choiva", sinala Pontón
Ana Pontón, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a Xunta a retirar o anteproxecto de lei de mellora do ciclo integral da auga porque, segundo afirmou, suporá un aumento de até 60% na factura.

En rolda de prensa, Pontón explicou onte que con esta reforma un fogar de tres persoas que consume 39 metros cúbicos ao mes pasará de pagar 16 a 25,95 euros ao mes -sen contar o IVE- naqueles concellos en que a Xunta asuma a xestión da depuradora. E farase, dixo, a base de a Xunta incrementar o canon de xestión das depuradoras e de incluír un novo canon á xestión da rede de recolectores. "Feixoo prepara unha suba do recibo pola innovadora fórmula de cobrar por depurar a auga de choiva. Antes foi o imposto ao sol e agora é o imposto á choiva", aseverou. 

Pola súa banda, o portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, negou que se vaia producir unha suba da factura e rexeitou as cifras dadas tanto polo BNG como pola Federación Galega de Municipios e provincias (Fegamp), que tamén alertou nos últimos días do incremento do prezo da factura coa nova lei.

Puy subliñou que o abastecemento é "unha competencia municipal" na que o Goberno galego "leva anos apoiando os Concellos" con "aproximadamente 1.100 millóns de euros nunha década".

Fronte a isto, a nacionalista cargou contra o Executivo galego por querer subir o canon da auga ao tempo que sitúa nos Concellos a decisión de repercutir ou non a suba sobre a veciñanza. “É dicir, que para Núñez Feixoo a autonomía local consiste en que os Concellos decidan se repercuten ás veciñas e veciños a suba da auga que planea a Xunta ou se recortan noutros investimentos como política social", ironizou.

Aliás, reparou en que "ao incremento do canon de saneamento, que afectaría de cheo os 28 concellos cuxas depuradoras son xestionadas pola Xunta, hai que engadir a suba do canon da auga a todos aqueles municipios que teñan perdas superiores a 20% na rede de abastecemento". 

A este respecto considerou que hai moito por facer para mellorar o abastecemento e o saneamento na xestión da auga, “pero iso non se soluciona subindo o prezo da auga” ás familias.

Reflexión da líder do BNG

A líder do Bloque lamentou onte que ao presidente da Xunta "lle moleste" a súa reflexión interna sobre se seguir ou non á fronte do BNG, despois das críticas do tamén líder do PPdeG a esta decisión. "Reflexionar non debería ser usado contra ninguén", expresou. "A axenda do BNG, a axenda de Ana Pontón, non a marca o señor Feixoo, márcaa en todo caso o interese xeral das galegas e galegos", subliñou.

Comentarios