O xuízo pola Gürtel voltará a pór sobre a mesa a conexión galega que salfire Feijóo

Pablo Crespo foi, após Francisco Correa, o home forte da Gürtel, a trama presuntamente corrupta que envolve o PP e da que xurdiu, como a póla dunha árbore, o caso Bárcenas. Feijóo mantivo Crespo como membro do consello de administración de Portos de Galiza durante a súa época como conselleiro de Política Territorial. O xuízo pola Gürtel comeza esta terza feira na Audiencia Nacional española.

Screen Shot 2016-10-03 at 13.00.12
photo_camera Pablo Crespo, nunha entrevista en La Sexta

Crespo ocupou a secretaría de Organización do Partido Popular de Galiza no período 1996-1999 e, segundo as pesquisas xudiciais que agora serán contrastadas no xulgamento que a partir desta terza feira decorrerá na Audiencia Nacional, foi peza basilar da trama corrupta levantada por Francisco Correa.

A trama beneficiábase de contratos irregulares (en ocasións por obras ou servizos que non se chegaban a prestar) das institucións públicas gobernadas polo PP.

Empresas vinculadas á trama como Special Events ou Pasadena Viajes tamén contrataron directamente co Partido Popular de Galiza xa durante a etapa de xestión de Feijóo como o seu presidente.

Special Events non só se ocupou a finais dos 90 da organización da loxística -montaxe e decoración de escenarios- de actos eleitorais do PP, senón que facturou aínda coa Xunta campañas como a que Manuel Fraga encarregou para promocionar o bon nome da carne galega após a coñecida como crise das vacas tolas.

As biografías políticas de Crespo e Feijóo crúzanse cando o actual presidente da Xunta aterra na Consellaría de Política Territorial en xaneiro de 2003

O arquitecto galego de toda a trama é Pablo Crespo. Pois ben, as biografías políticas de Crespo e Feijóo crúzanse cando o actual presidente da Xunta aterra na Consellaría de Política Territorial en xaneiro de 2003. Nese momento Crespo é membro do consello de administración de Portos de Galiza, órgao ao que chega por nomeamento publicado no DOG en 1996.

Pois ben, Feijóo mantivo en todo momento Crespo no seu cargo e o ex secretario de Organización do PPdeG non foi cesado até a chegada en 2005 do goberno de coligazón entre o PSdeG-PSOE e o BNG.

A sombra de Crespo -como a de Marcial Dorado ou Pachi Lucas- acompaña Feijóo desde entón. Interpelado en numerosas ocasións pola imprensa sobre o particular, acerca de por que non o cesou do seu cargo, o presidente da Xunta acubillouse na fórmula de que “que eu saiba nen sequera aparecía por aí, nen eu sabía por suposto que estaba nomeado”.

Mais o PP, xa á altura de 1999, como confesou o propio Manuel Fraga, era consciente da vinculación de Crespo coa Gürtel. Como vimos, Feijóo chegou a declarar á imprensa que nen sequer sabía que Crespo estaba “nomeado” como membro dese órgao dependente da súa Consellaría, argumento pouco críbel se termos en conta a relevancia política de quen ocupara o número 3 do partido.

O PPdeG contratou con Special Events cando Feijóo xa era o presidente do partido na Galiza

En realidade, na contorna de Feijóo sempre se insistiu na tese de Crespo ser un home de Xosé Cuíña, o en tempos todopoderoso conselleiro da COTOP (Territorio e Obras Públicas) e que o actual titular da Xunta se limitara a o confirmar no seu cargo.

Ao ser destituído Crespo como secretario de Organización, o PP encarregou unha auditoría interna para coñecer o estado das contas do partido. Da pesquisa concluíuse que a formación tiña débedas por valor de 1,8 millóns de euros con Special Events, a empresa dirixida por Correa. O PP afirma que nunca pagou esas débedas por as considerar inxustificadas.

O problema para Feijóo é que, xa con el como líder, o PP voltou a emitir facturas (por valor de apenas 2.302,76 euros) a nome de Special Events, de acordo coa propria contabilidade oficial do partido na Galiza, correspondente ao período 2006-2009. 

Comentarios