Xácome asumirá todas as competencias dos concelleiros do PP mentres o PSOE aposta pola moción de censura

O portavoz municipal dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, sinalou a disposición do PSdeG a "abrir un diálogo honesto", para que "terminen os experimentos" de Xácome no Concello despois de "tres anos de desgoberno".
Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Xácome. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, asumiu todas as competencias delegadas que tiñan asignadas seis dos sete concelleiros do PP que abandonan o Goberno local despois de que o rexedor rachase o acordo cos populares.

Desta maneira, Xácome encargarase das competencias de Promoción Económica, Facenda, Termalismo e Turismo, Participación cidadá, Deportes, Medio Ambiente, Urbanismo e Asuntos Sociais, xunto coas que xa tiña como alcalde, como Artes e Festexos.

Con todo, será temporal, porque "nos próximos días" realizará unha remodelación, que xa tiña "pensado hai moito tempo".

Co reparto de áreas en mente, sostivo que estes dez meses non suporán un reto de xestión no Concello, porque "a nivel plenario o mandato xa terminou", motivo polo que "o Partido Popular xa non fai falta para nada".

"Axudáronnos a aprobar moitas cousas, pero agora cremos que chegou o momento de que se fosen, non o podíamos facer antes, tiña que haber unha causa", aseverou o alcalde da terceira cidade da Galiza, incidindo na "deslealdade" dos populares e na "incompetencia" no ámbito laboral.

Posíbel moción de censura do PSOE

Ante a posibilidade de que os concelleiros do PSOE presenten unha moción de censura en Ourense, o rexedor por Democracia Ourensá recoñeceu que "si" a tivo en mente, pero que "non lle ve opcións" porque "o PP non ten o grao de inepcia que teñen os tránsfugas de DO" e "saben que facer alcalde a alguén do PSOE sería o peor para eles".

 

Xácome comparou a situación no Consistorio ourensán coa vivida a nivel estatal no ano 2019. "Se o PP lle dese agora a alcaldía ao PSOE produciríase un plus de votos a favor dos socialistas como se produciu con Pedro Sánchez cando houbo a moción de censura e quitaron a Raxoi", expuxo. "Estaba desafiuzado na política e ao cabo dun ano en eleccións arrasou, aquí poderíase dar o efecto Sánchez", apuntou.

Villarino ofrece "diálogo"

Pola súa parte, o portavoz municipal dos socialistas, Rafa Villarino, sinalou a disposición do PSdeG a "abrir un diálogo honesto", para que "terminen os experimentos" de Xácome no Concello despois de "tres anos de desgoberno".

Villarino pediu "responsabilidade" a todas as forzas políticas para "pór punto e final á parálise que padece a cidade". Con estas aseveracións referiuse a que unha moción de censura é "máis necesaria que nunca" e sostivo que "non se trata dunha cuestión de persoas, senón de antepor Ourense".

Aliás, asegurou que o rexedor "non quere que exista ningunha moción de censura porque entón sería o remate do seu mandato". Porén, lembrou que a moción de censura só se pode presentar se conta con 14 firmas.

Comentarios