A oposición reacciona á decisión de Xácome e pide que "PP e DO deixen de xogar co Concello"

O PP considera que a volta de Manuel Cabezas ao grupo municipal provocou o colapso do Goberno local.
Rúas de Ourense nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera Rúas de Ourense nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)

A decisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, de rachar o acordo de Goberno asinado o pasado ano entre Democracia Ourensá (DO) e o Partido Popular (PP) a dez meses das eleccións municipais, provocou diversas reaccións entre as formacións que conforman o Consistorio ourensán.

O primeiro en reaccionar foi o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), para exixir que "PP e DO deixen de xogar co Concello".

Os nacionalistas pediron "respecto aos veciños" e lamentaron o "continuo despropósito" dos "socios de goberno centrados en réditos electorais e cuestións partidistas", porque consideran que o sucedido esta terza feira é "unha nova mostra" de que "nin a uns nin aos outros lles interesa Ourense absolutamente nada".

Valoración similar a que fai a executiva municipal do Partido Socialista de Ourense, que demandou que a cidade "deixe de ser o xoguete roto" das dúas formacións que compartían o Goberno local até hoxe mesmo.

Os socialistas criticaron "sete anos de parálises irresponsabilidade política, intereses partidistas e vergoña", ao tempo que se presentaron como a "alternativa necesaria e imprescindíbel para defender os intereses dos veciños".

Reacción do PP

Pola súa parte, o PP de Ourense atribuíu o "motivo da saída" do goberno dirixido por Gonzalo Pérez Xácome á chegada de Manuel Cabezas ao grupo municipal dos populares ourensáns.

"Mantivemos este pacto polo interese, por non paralizar o Concello de Ourense, polo interese en investir os recursos posíbeis en beneficios dos veciños. Sendo en moitos casos incomprendidos e cun importante desgaste persoal", afirmou o PP.

Neste sentido, os populares afearon que "era moi difícil gobernar" en coalición con "quen falta ao respecto de forma constante" e con quen "non están de acordo na súa forma de facer política incluíndo agresións verbais", "liñas vermellas" que aseguran que o alcalde "rompeu" en numerosas ocasións.

Finalmente, prometeron pór "toda a súa enerxía en elaborar un proxecto de cidade que encare o futuro do progreso que Ourense merece e que hoxe tristemente non ten".

Comentarios