Ourense

[VÍDEO] Xácome racha o pacto de goberno co PP: "Non nos deixaron outra opción mais agora quedamos liberados"

Tamén retirará o seu apoio a José Manuel Baltar na Deputación.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha rolda de prensa. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, convocou ás 13 horas desta terza feira unha rolda de prensa urxente para anunciar que rachaba o acordo de Goberno asinado o pasado ano co PP, cando restan menos de doce meses para as próximas eleccións municipais.

Fixo estas declaracións logo de que chamase os concelleiros populares Flora Moure e Jorge Pumar a "reafirmar o seu compromiso" e estes non asistisen alegando motivos de axenda. No seu lugar foi a viceportavoz, Ana Morenza, mais non a recibiu ao entender que non era unha "interlocutora válida".

Así, e ante o que o rexedor entendeu como unha "traizón", decidiu retirar as competencias aos edís populares que formaban parte do Goberno local. O novo líder do PP, o ex alcalde Manuel Cabezas, dixo recentemente que a cidade estaba "nun terreo enlamado" co actual Executivo.

Pérez Xácome subliñou que "nunca" quixo pactar co PP, formación á que tamén acusou de "confabular" cos concelleiros e concelleiras díscolas de Democracia Ourensá para "derrocar o Goberno", unha operación, dixo, que lles "saíu mal".

Porén, o pasado ano deu acceso aos edís populares ao seu Goberno "en aras de manter a estabilidade". "Gobernamos mellor sós, entendemos que o facemos moito mellor, e se temos que controlar diferentes áreas, podemos facelo con persoal de confianza, con directores xerais ou agrupando competencias", apuntou.

O rexedor gobernará o que queda de lexislatura en solitario, co único apoio dos tres edís de DO que non abandonaron a formación. "Nunca na vida traizoamos ninguén, quedamos liberados do PP. Non podo tolerar esta tomadura de pelo".

O alcalde compara esta situación coa intervención militar do illote 'Perejil'

Gonzalo Pérez Xácome comparou a situación actual no Concello de Ourense coa incursión española no illote 'Perejil': "A José María Aznar tampouco lle deixaron outra opción que intervir militarmente".

Aliás, anunciou que retirará o seu apoio na Deputación de Ourense a José Manuel Baltar e que o deputado de DO, Armando Ojea, abandonará o Goberno popular.

Comentarios