Noa Presas (BNG)

"O voto ao BNG o 23-X vale dobre: para frear a dereita e para defender Galiza"

Noa Presas Bergantiños é a candidata número 1 do BNG ao Congreso por Ourense.
Noa Presas asegura que o BNG non vai fallar a Ourense e á Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Noa Presas asegura que o BNG non vai fallar a Ourense e á Galiza. (Foto: Nós Diario)

—É deputada no Parlamento galego, xa é un plus de experiencia parlamentaria. Como decidiu dar o salto ao escenario estatal?
Tomei a decisión porque nos xogamos moito nestas eleccións e saímos a por todas, cunha candidatura forte en Ourense e en todo o país para conseguir un grupo galego forte, no que por suposto Ourense terá representación.

—O 28-M marcou unha tendencia á alza do BNG. Con que expectativas afronta a campaña?
Hai unha tendencia á alza e convidamos todas as persoas que nos apoiaron nas municipais e nas galegas a que confíen en nós para defender os seus intereses en Madrid. Animamos tamén todas as persoas decepcionadas co bipartidismo clásico, que sempre esquece Ourense, a que nos dean a oportunidade porque non imos fallar a Ourense nin a Galiza no Congreso dos Deputados. 

—Ter deputado por Ourense sería lograr o obxectivo dun grupo forte no Congreso. Cunha campaña tan polarizada. Cal é a estratexia a seguir?
Nós saímos a por todas, non nos poñemos límites. Daremos o mellor de nós para transformar esa gran corrente de simpatía que hai cara ao BNG nun grupo galego forte que axude a pór os problemas da Galiza de primeiro e que contribúa a frear a dereita. Ten que haber unha representación nacionalista forte para favorecer un goberno alternativo á dereita, e para que cumpra con Galiza, ten que estar o BNG.

—A política ourensá muda logo do 28-M coa marcha de Baltar da Deputación. Isto abre un novo escenario para o BNG nas estatais?
Estamos nun momento de cambio que tamén se está notando en Ourense. Nunca houbo un PP tan debilitado e demostrouse que a alternativa fiábel é o BNG. Aspiramos a que nestas eleccións a xente traslade esa confianza ao BNG. Hai un Ourense que non se resigna, que pide cambio e estamos dispostos a liderar esa alternativa e transformar esa corrente nun gran resultado para o BNG.

—A polarización da campaña non facilita o traballo doutras alternativas.
O voto ao BNG o 23 de xullo vale dobre, serve para frear a dereita e garantir avances sociais e para defender Galiza. O BNG sempre actuou para desprazar a dereita ou para evitar o seu avance. En 2019 o escano do BNG impediu que Vox obtivera un deputado pola Coruña. No conxunto do Estado somos as forzas soberanistas as que estamos facendo de freo á extrema dereita. Queren presentar esta campaña como unhas eleccións presidenciais, decidir simplemente quen será o seguinte presidente que marxinará a Galiza.

Comentarios