Villares reivindica para a "portavocía do grupo parlamentar" a preeminencia no "discurso" da Marea

Sobre se finalmente será portavoz orgánico ou non de En Marea -todo indica que non-, Luís Villares dixo este domingo: "Estou sempre ao servizo da confluencia. Cando a confluencia decida que eu teña que ser o voceiro orgánico, sereino. E mentres non o decida, pois non o serei".

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Nunha entrevista este domingo en SER Galiza, Villares admite que a maioría da lista oficial na que el se integra non quer que sexa portavoz orgánico: "Si, nós dixemos que queríamos combinar coralidade con referencialidade. A coralidade é un elemento do discurso. O noso discurso é moi plural porque así o é o espazo de confluencia. E iso supón a emisión dun discurso acorde con esa coralidade".

Unha organización coral non admitiría, pois, unha voz orgánica preeminente, veu dicer Villares. E a referencialidade? "Pois a referencialidade fai referencia a que voces emiten ese discurso. Nós tamén pensamos que deben ser varias". En todo caso, puxo moito coidado en enfatizar que "no pulso político do día a día a preeminencia no discurso evidentemente é de quen é voceiro do grupo parlamentar e iso é o que vai continuar a suceder no movimento político de En Marea".

Este sábado constituíuse o Consello das Mareas, máximo órgao da confluencia entre asembleas, que, porén, deixou pendentes decisións sobre asuntos fulcrais como a elección da Coordenadora Nacional (Executiva) e a hipótese de que Luís Villares poda ter dereito de voto na dirección da confluencia (en principio non o vai ter, en función do aprobado nas primarias). "Botamos a andar. Paseniño. Demos luz verde á criación da Comisión de Garantías e botamos andar dúas áreas, a política e a organizativa", relatou o número un da candidatura oficial nas recentes primarias.

Villares garantiu que o proceso de elección da Coordenadora Nacional non demorará meses, senón que se resolverá "se non a semana que vén, a seguinte".

"Unha ratio de participación aceitábel"

Xulio Ferreiro e Jorge Suárez -líderes das marés coruñesa e ferrolá, respectivamente- reputaron como baixa a participación nas primarias. Interpelado ao respeito, Villares non se mostrou de acordo con estes referentes, situados claramente no sector da liña oficial menos entusiasta co portavoz do grupo parlamentar. "Levamos máis dun ano de mobilización eleitoral e interna. A xente chega un pouco fatigada cando se lle pide un novo esforzo. O Plenario do 17 de decembro mobilizou máis de 500 persoas e agora acaba de participar máis de 80 por cento das persoas inscritas nas primarias. É unha ratio de participación aceitábel", alegou.

Sobre Vistalegre II e o combate Iglesias-Errejón, Villares considerou que "ás veces as cuestións de fondo se simplifican en dúas ou tres caras". Ao seu xuízo, o debate en Podemos sería sobre o proxecto e non sobre as persoas. "A situación de Podemos é a dunha organización que nace nunha situación de emerxencia social e que agora para se consolidar ten que tomar decisións sobre que camiño a seguir. É un debate de fondo".

En todo caso, Villares expresou o desexo de que "todo o mundo [en Vistalegre II] vexa o ben que están a funcionar as confluencias", dixo en alusión a En Marea e a experiencia catalá.

Comentarios