Vigo suma 1,8 millóns de remanentes para concertos

A modificación orzamentaria foi aprobada nunha Xunta de Goberno Local que decorreu o 13 de abril.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou o 13 de abril facer unha modificación orzamentaria por valor de 1.840.000 euros, con cargo ao remanente líquido de tesourería, para aumentar o financiamento dos concertos de verán e a axuda que o Concello outorga ao festival O Marisquiño.

No expediente recóllese que o Plan de Contratación de 2023 prevé unha partida de 700.000 euros "para actuacións artísticas singulares" mais o departamento de Festas afirma que o gasto ascende a case 2 millóns de euros como consecuencia, entre outras razóns, dos custos de contratación. Por iso, solicita aumentar a partida en 1,3 millóns de euros.

Con respecto ao festival O Marisquiño, a achega do Concello ao evento faise a través dun convenio coa Deputación, de maneira que a axuda municipal é de 420.000 euros, máis outros 180.000 euros que achega o organismo provincial. Con todo, sinalou o departamento de Festas, o traslado de probas e outros cambios incrementaron os custos da organización nuns 540.000 euros. 

Críticas da oposición

A oposición criticou este aumento ao considerar que eses recursos extraordinarios deben ter outras prioridades. O concelleiro do BNG e candidato á Alcaldía da cidade, Xabier Pérez Igrexas, trasladou a súa "sorpresa" pola "improvisación e apuro" desta modificación "exprés", que leva ao goberno local a "autoenmendar" os seus orzamentos.

O PP, pola súa parte, cualificou esta proposta como "a traca final dun Goberno que pensa antes na propaganda que na xestión, e ao que se lle dá mellor o autobombo que os feitos".

Por último, Marea de Vigo presentou emendas á proposta de modificación e sinalou que as administracións públicas teñen a oportunidade, con eses recursos, de axudar ás familias con necesidades.

Comentarios