Nova vía da Xunta contra o abandono no rural: menores tutelados a "refacer a vida" en aldeas

O presidente da Xunta presentou esta quinta feira en San Caetano a nova proposta do seu Goberno contra o abandono do rural: que os menores tutelados pola Administración galega, cando fagan 18 anos, poidan refacer a súa vida en aldeas do interior da Galiza.
Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta en imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza tutela actualmente por volta de 1.800 menores, un colectivo de rapazas e rapaces para o que o presidente Alberto Núñez Feixoo prepara unha misión: axudar a combater o abandono do rural, nomeadamente nas comarcas do interior galego.

O propio Núñez Feixoo deu a coñecer esta quinta feira a proposta, na súa comparecencia após o Consello da Xunta. "Ao chegar aos 18 anos", explicou o presidente, estes menores poderán ter "vivenda e traballo no rural".

Un desafío, engadiu, para o que contarían "cun mentores que lles axuden a refacer as súas vidas en aldeas". 

Trataríase dun "programa piloto" a desenvolver "nas provincias de Ourense e Lugo" e no que participa unha entidade sen ánimo de lucro e con experiencia neste tipo de tarefas, anunciou, como é Igaxes.

Feixoo non se dilatou moito máis sobre estre proxecto, que dixo que pretende axudar estes menores a "buscar a transición da vida adulta ao rural", malia sinalar que o mesmo vai ser importante para o que cualificou como ter un "impacto no territorio".

Dependencia

Outro dos anuncios feitos polo presidente após a xuntanza do Consello da Xunta foi o de ampliar as casas de maiores até un total de 108 concellos.

Núñez Feixoo defendeu que "os maiores poidan facerse maiores onde queiran" para afirmar que ser unha persoa "dependente" non debe implicar "o ingreso nunha residencia" e engadiu que a maioría dos vellos e vellas gostarían estar nas casas antes que nas residencias. Neste punto, non se pode esquecer que a Galiza, está á cola do Estado en prazas residenciais e segundo as cifras do Imserso, no país hai un déficit de case 15.000 prazas nas residencias de maiores.

De aí que poida sorprender que o anuncio de Feixoo á hora de falar sobre dependencia e persoas maiores non faga referencia algunha a ampliar prazas, persoal ou servizos, senón a unha alternativa que non pase por eles.

"Desenchufar" Ence, un "disparate"

A preguntas dos xornalistas sobre Ence e a búsqueda de novos emprazamentos polo Ministerio, o presidente volveu defender o paso dado no seu día polo Goberno Raxoi de ampliar a prórroga da pasteira durante 60 anos, unha decisión tombada pola Audiencia Nacional en 2021.

"Foi unha concesión dada por un Goberno co aval da Avogacía do Estado e despois chegou outro Goberno e deu instrucións á Avogacía para que non defendese esa continuidade", dixo. "É a primeira vez que se dá instrucións ao Avogado do Estado para que non defenda o Estado", abundou Feixoo nesta tema.

Na súa intervención chegou a afirmar que el propio non "gostaba" do emprazamento actual de Ence, en Lourizán, mais considera que "desenchufala" é, dixo textualmente, "un disparate económico, industrial e forestal". 

Feixoo prefire que sexa o Goberno español quen fixe as normas

"As mellores prácticas deberíaas poñer o Goberno español", opinou Alberte Núñez Feixoo a unha pregunta sobre os diferentes modelos que seguen as comunidades autónomas á hora de contabilizar os casos de Covid.

O presidente contestaba a unha pregunta dos xornalistas após a xuntanza semanal do Consello da Xunta. Volveu, máis unha vez durante esta pandemia, pórse de lado das voces que piden unha maior centralización das decisións ao ser o Estado quen deica e non as comunidades.

"Falla a cogobernanza unha vez máis", sinalou, "e falla a coordinación, hai autonomías na que os resultados dos autotest que un fai contan como positivos e noutras non". Para Feixoo, iso contrasta co que acontece noutros estados. Porén, en boa parte dos países europeos, unha parte importante das medidas a respecto do combate da pandemia en diferente eidos tamén se adopta polas rexións.

Sobre o novo modelo de financiamento a debate, defendeu o traballo desenvolvido durante estes días pola comisión parlamentar coa participación de expertos e incidiu, ao igual que o conselleiro de Facenda fixo esta cuarta, no sobrecusto da dispersión para Galiza: 500 millóns.

Comentarios