A Audiencia Nacional considera ilegal a prórroga da concesión a Ence outorgada polo Goberno de Raxoi en funcións

Un paso decisivo para que Ence saia da ría de Pontevedra. A sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional estimou o recurso do Concello de Pontevedra e o de Greenpeace contra as resolucións do Goberno de Mariano Raxoi en funcións polas que se acordou prorrogar a concesión de Ence por un período de 60 anos.

A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

A Audiencia Nacional estimou o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Pontevedra, do que é alcalde o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, fronte á resolución da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, por delegación do Ministerio, o 20 de xaneiro de 2016. Anúlase así a resolución recorrida e declara que non hai lugar á prórroga da concesión, sen impor as custas. Tamén estima o recurso presentado por Greenpeace.

En concreto, a prórroga, outorgada polo Goberno do popular Mariano Raxoi, cando se atopaba en funcións, era relativa á ocupación dunha superficie de 373.524 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre con destino a esta fábrica de pasta de celulosa que se atopa nos terreos de Lourizán (Pontevedra).

Precisamente, debido á decisión de prorrogar a concesión até 2073, o Concello de Pontevedra declarou Raxoi persoa non grata. A mesma declaración que lle outorgou anos despois ao presidente de Ence, Ignacio Colmenares y Brunet, quen nunhas declaracións filtradas aos medios advertía dun posíbel "susto" medioambiental que podería ter lugar en Lourizán. Estas palabras provocaron a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía.

As chaves da sentenza

Na sentenza, con data de 15 de xullo, a sala considera que a resolución acordada no Goberno de Mariano Raxoi en funcións non xustifica, como esixe a Lei de Costas, que a papeleira, pola súa natureza, non poida ter outra localización.

O tribunal explica que en virtude do artigo 32.1 da Lei de Costas tense que xustificar que as instalacións cuxa prorroga se acorde pola súa natureza non poden ter outra localización.

No caso concreto de Ence, a Audiencia indica que, de acordo coa proba pericial practicada, a auga doce, nun determinado volume, é un recurso necesario e imprescindíbel para o proceso produtivo das plantas de pasta de papel Kraft con branqueo, como a de Pontevedra, así como a proximidade a recursos hídricos (auga salgada ou doce) para a evacuación da vertedura, "pero non que estas plantas pola súa natureza ou configuración teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre, que é o que esixe o artigo 32.1 da Lei de Costas".

Por tanto, engade, poden situarse nas proximidades, pero fóra de devandito dominio costeiro, nas proximidades dos ríos ou de grandes masas de auga.

A sala cita outros casos como as fábricas de celulosa BHK, como as Torraspapel S.A en Zaragoza e Papeleira Guipuscoana de Zicuñaga S.A., que se sitúan xunto a ríos nos que evacúan o efluente, e tamén coa fábrica de Ence en Navia, que segundo os peritos é equiparábel á de Pontevedra, que se sitúa próxima, pero fora do dominio costeiro, como se acreditou neste procedemento.

Para o tribunal resulta significativo que Ence "non puido achegar documentación que acredite a súa localización sobre o dominio costeiro, senón soamente a resolución do 21 de marzo de 2013 de outorgamento de concesión para ocupación do dominio na marxe dereita da ría de Navia, con destino a viveiro de plantas (excluíndo a plantación de Eucaliptos nitens), non para ocupación das instalacións da fábrica".

A sentenza lembra que "a actuación administrativa sobre o dominio público marítimo terrestre debe perseguir, entre outros fins o de asegurar a súa integridade e debida conservación, adoptando, no seu caso, as medidas de protección e restauración necesarias, así como as de garantir o uso público do mar, da súa ribeira e do resto do dominio público, sen máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas, que no caso de autos, a Orde impugnada nin esgrimiu nin xustificou".

A decisión da Audiencia Nacional dase a coñecer días despois da mobilización que, todos os anos, reclama a saída da fábrica de celulosas da ría de Pontevedra.

Unha decisión recorríbel

A sentenza é susceptíbel de recurso de casación perante o Tribunal Supremo, que deberá presentarse na Sala da Audiencia Nacional no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo puido coñecer Nós Diario.

Comentarios