mércores 14/04/21

A Eurocámara pide información a Bruxelas da investigación sobre a precariedade das enfermeiras galegas

“A Comisión de Peticións de hoxe pon en cuestión o modelo de contratación do goberno galego na sanidade pública”, di a Ana Miranda, representante do BNG en Europa.

Ana Miranda e  Catuxa Lagarón (Foto: Nós Diario)
Ana Miranda e Catuxa Lagarón (Foto: Nós Diario)

A comisión de Peticións do Parlamento Europeo solicitou á Comisión Europea que a manteña informada sobre a investigación a España polo abuso dos contratos temporais no persoal de enfermaría na Galiza. 

En concreto, a Eurocámara pediu esta terza feira, 26 de xaneiro, a Bruxelas que achegue información detallada sobre o expediente incoado a España pola situación do persoal eventual no Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) e sobre os contactos coas autoridades españolas para resolver esta situación.

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Europa, Ana Miranda, celebrou que se apoiase a denuncia contra a precariedade laboral no Sergas impulsada polo BNG e o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita.

“Que a propia Comisión Europea recoñeza o abuso da contratación temporal significa que desde Europa se pon en cuestión o modelo de contratación do Goberno galego na sanidade pública”, subliñou Miranda ao finalizar a sesión, na que interveu Catuxa Lagarón, en representación do colectivo.

“Quedou patente e recoñecido por parte da Comisión que a sucesión de contratos temporais para cubrir necesidades permanentes vulnera a normativa europea”, salientou a portavoz do Bloque en Europa, tal e como recolle a denuncia presentada na Comisión de Peticións e entregada a súa vicepresidenta Tatjana Zdanoka quen defendeu que se abra un procedemento de infracción e unha carta ao Goberno galego.

Ao respecto, as Enfermeiras Eventuais en Loita comprometéronse a enviar máis información, especialmente sobre a concatenación de contratos, despois de ser requirido polo propio Executivo comunitario.

Así, a utilización abusiva dos contratos temporais incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en maio de 2018 e outras Directivas, tal e como recoñeceron ademais os deputados e deputadas de varios grupos parlamentares nas súas intervencións, agás o eurodeputado do Partido Popular Millán Mon.

500 contratos en 6 anos

Ademais de sinalar que a investigación sobre esta situación está en curso, a Comisión  Europea, recoñeceu que non existen medidas suficientes para prever o excesivo recurso á temporalidade. Neste sentido manifestou que a existencia de 500 contratos durante 6 anos é “un exemplo gravísimo da situación” e afirmou que están en contacto coas autoridades españolas sobre estas prácticas abusivas.

Ademais, na súa quenda de réplica Catuxa Lagarón criticou a falta de transparencia do Goberno galego, xa que “falta información sobre o cadro de persoal do Sergas”. Agradeceu a intervención da Comisión e o apoio dos eurodeputados e eurodeputadas, así como o da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, xa que con este logro a denuncia segue aberta na Eurocámara.

comentarios