O DEBATE

Ten encaixe legal a proposta de Urkullu sobre o modelo territorial?

O catedrático da USC Luis Miguez Macho e o profesor da UdC Carlos Aymerich Cano debaten sobre a proposta de reforma do Estado do lehendakari Urkullu.
Iñigo Urkullu explicando a proposta de reforma do modelo territorial (Foto: Goberno Vasco)
photo_camera Iñigo Urkullu explicando a proposta de reforma do modelo territorial (Foto: Goberno Vasco)

O 'Plan Urkullu' e a Constitución

Luis Míguez 
Catedrático de Dereito Administrativo da USC

Luis Míguez

O presidente do Goberno vasco, Iñigo Urkullu, vén de propoñer, a través dun artigo publicado no xornal El País, o que se presenta como unha reinterpretación da Constitución, sen necesidade de modificala, para cambiar o actual modelo de organización territorial do Estado. Os puntos fundamentais da proposta son o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e da capacidade ou dereito a decidir de certos territorios, e mais a ampliación do marco competencial destes. Cales serían eses territorios non queda de todo claro no artigo.

Nun principio faise referencia ás comunidades autónomas forais (País Vasco, aínda que en realidade a titularidade dos dereitos históricos corresponde ás provincias ou “territorios históricos” que o configuran, e Navarra), porque a proposta se sustentaría na disposición adicional primeira da Constitución, que ampara os dereitos históricos dos territorios forais. Porén, logo admítese que se poida estender aos territorios que tiveron un réxime de autonomía antes da Constitución de 1978 (en rigor, só Cataluña, xa que en Galicia, se ben foi plebiscitado un estatuto de autonomía durante a II República, este nunca se chegou a aplicar).

Nunha valoración xurídica desta proposta, o primeiro que hai que deixar claro é que non sería correcto tachala a priori de inconstitucional ou anticonstitucional. A Constitución española non prohibe pensar, opinar, propoñer ou debater, senón que garante a liberdade ideolóxica e recoñece o dereito a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións. Ademais, nin sequera ten unha “cláusula de intanxibilidade” que impida modificar determinados contidos recollidos nela. Xa que logo, a Constitución permite propugnar a plurinacionalidade do Estado, o dereito á secesión unilateral dos territorios que o integran, a supresión das comunidades autónomas (como fai o terceiro partido do país en representación no Congreso dos Deputados) ou a república (como fai o cuarto partido en número de deputados). 

A Constitución foi produto dun amplo consenso político

O que si pode chegar a ser inconstitucional é a maneira de levar á práctica esas ideas. E aquí é onde se atopa o punto feble da proposta do Sr. Urkullu. No artigo mencionado, este defende que os cambios no modelo de organización territorial do Estado se levarían a cabo mediante unha simple reinterpretación do texto constitucional, que se artellaría nunha “convención constitucional”, cando é evidente que consagrar a plurinacionalidade do Estado ou o dereito de secesión dalgúns territorios choca frontalmente co artigo 1.2 da Constitución, que establece que a soberanía nacional reside no pobo español no seu conxunto, e co artigo 2, que proclama a indisoluble unidade da nación española.

En definitiva, non hai atallos: pode defenderse o que propón o Sr. Urkullu? Si, e mais a secesión de Cataluña, a supresión das comunidades autónomas e a república. Pero a única vía democraticamente admisible de levar a efecto ese tipo de propostas é mediante o procedemento de revisión total que prevé a propia Constitución e que obriga a obter unhas maiorías reforzadas en ambas as cámaras das Cortes Xerais e o pronunciamento favorable do pobo español no seu conxunto, único titular da soberanía, nun referendo.

Urkullu tería que promover unha proposta de revisión da Constitución

O motivo é fácil de entender. A Constitución foi produto dun amplo consenso político, non da decisión continxente dunha maioría parlamentaria ocasional, e ese consenso é igualmente necesario para a súa modificación, e tanto máis forte deberá selo canto máis afecte a reforma aos fundamentos mesmos do sistema constitucional. Así pois, o que tería que promover o Sr. Urkullu é unha proposta de revisión da Constitución que se presentase e debatese nas Cortes Xerais. E para que tivese éxito, necesitaría convencer o número de deputados e senadores que marca a Constitución e á maioría do pobo español.


Acerca da proposta do lehendakari Urkullu

Carlos Aymerich
Profesor de Dereito Administrativo da UdC

aymerich

O pasado 31 de agosto, a través dunha tribuna en El País, Urkullu formulou unha proposta para avanzar no autogoberno vasco e na configuración plurinacional do Estado español. Partindo da imposibilidade práctica de reformar a vixente Constitución española, o que propón o presidente vasco é un acordo político para interpretala conforme o seu sentido orixinario: isto é diferenciando entre as realidades nacionais de Galiza, Cataluña e Euskadi e o resto de Comunidades Autónomas, de réxime común, de acordo coa dupla recollida no artigo 2: nacionalidades, as primeiras, e rexións, as segundas. 

Esa diferenciación, razoa Urkullu, debe conlevar un autogoberno político e financeiro máis amplo e un réxime de relación co Estado baseado na bilateralidade. A garantía deste autogoberno nacional viría dada a través dunha convención constitucional, isto é dun acordo político interpretativo da Constitución.

Non tardaron os “constitucionalistas de cabeceira” dos medios madrileños en advertiren que a proposta é inconstitucional porque o único intérprete da Constitución é o Tribunal Constitucional. Esquecen, porén, que a elaboración dun Estatuto de Autonomía é tamén un acordo político bilateral entre o pobo e os parlamentos galego, vasco e catalán e as Cortes Xerais. Un acordo que interpreta a Constitución. E que nin Galiza, nin Euskadi nin tampouco Cataluña contan con Estatutos novos ou reformados. As dúas primeiras porque a reforma non foi aprobada polos parlamentos. A terceira porque o novo Estatuto, referendado polo pobo catalán, foi anulado polo Tribunal Constitucional. De modo que a reforma estatutaria pode ser, nesas tres nacións, a ocasión dun acordo que reinterprete a Constitución española vixente en chave democrática e plurinacional.

Galiza, Euskadi e Cataluña non contan con estatutos novos ou reformados

Mais sería precisa aínda unha garantía que pasa ben por unha improbábel reforma da Constitución que incorporase unha nova Disposición Adicional blindando ese autogoberno político, financeiro e relacional das nacións galega, vasca e catalá, reforma que esixiría unha maioría de tres quintos do Congreso e do Senado ou de dous terzos do Congreso; ou ben por unha rectificación da xurisprudencia constitucional que recoñeza o carácter dos Estatutos como acordos políticos de carácter supralegal e que corrixa de vez a infausta sentenza do Estatut de 2010.

O “café para todos” articulado por medio de sucesivos acordos autonómicos entre os partidos españois (o PSOE e a UCD, primeiro, e o PP máis tarde) tentou diluír a diferenza, mesmo violentando a letra da Constitución: con efecto, o artigo 152.1 CE dispón claramente que só as Comunidades Autónomas que accedesen á autonomía polo procedemento do artigo 151 poderían contar con Asemblea Lexislativa e Tribunal Superior de Xustiza. Estas do 151 son Galiza, Euskadi e Cataluña –por teren ratificado “no pasado” un Estatuto (Disposición Transitoria 2ª)– e, finalmente e de forma fraudulenta, tamén Andalucía, malia non cumprir co requisito de que o proxecto de Estatuto fose aprobado en referendo por unha maioría de votos válidos en cada provincia. Na de Almería o proxecto foi rexeitado.

Urkullu demanda un réxime de relación co Estado baseado na bilateralidade

Porén, a diferenza permanece. Contra vento e maré, a vontade nacional de Galiza, Euskadi e Cataluña resistiu o asimilacionismo e a represión e hoxe, 2023, só contando cos partidos nacionalistas desas tres nacións é posíbel construír unha maioría alternativa á extrema dereita do PP e de Vox. Unha maioría democrática que pasa por avanzar no recoñecemento práctico do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado  en termos ben semellantes aos que as forzas nacionalistas galegas, vascas e catalás propuxeron hai 25 anos nas Declaracións de Barcelona e de Iruña.

Comentarios