domingo 07.06.2020

Tellado ve a "moderación" como "unha obriga" para o PP en España

O secretario xeral do PP en Galiza, Miguel Tellado, celebrou esta cuarta o xiro cara á "moderación" na campaña do PP no plano estatal. Ao seu xeito de ver, a formación que encabeza Pablo Casado ten "a obriga de ser un partido moderado, de centro e reformista".
Miguel Tellado, na rolda de prensa desta cuarta en Compostela.
Miguel Tellado, na rolda de prensa desta cuarta en Compostela.

Despois de que nas anteriores eleccións xerais do pasado mes de abril, o PSOE rompera a hexemonía dos populares na Galiza, Miguel Tellado pensa que o PP "volverá gañar" o 10-N. “Sánchez pagará ter traizoado a confianza das galegas e dos galegos. Foi un mal presidente para España, mais aínda peor para Galiza”, dixo Tellado.

O secretario xeral dos populares galegos reivindica ao PP como “a garantía de desbloqueo” da situación no Estado. Tamén anuncia unha campaña “moi intensa e concentrada” na que o PP intentará chegar “a todos os lugares” do país.

Respecto da versión máis moderada de Pablo Casado, o líder estatal do PP, que comeza a aparecer nesta pre-campaña, Miguel Tellado asegurou que Casado “foxe dos radicalismos” e prevé que se producirá “unha forte contestación a Pedro Sánchez”, que se está apoiando en partidos radicais.
 

comentarios