23-X

Sumar reivindica desde Pontevedra "unha Galiza libre de corridas de touros"

Verónica Martínez Barbero cre que o 'cara a cara' entre Sánchez e Feixoo "mostrou que necesitamos o estilo Yolanda".
Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A cabeza de lista de Sumar Galicia ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, asegurou esta terza feira que a súa formación impulsará unha "firme política de protección e benestar animal" se chega ao Goberno e reclamou que "acabe dunha vez" o que cualificou como "anomalía pontevedresa", en alusión a que a praza de touros desta cidade é a única da Galiza onde aínda decorre unha feira taurina, dixo, "polo apoio indirecto do Concello".

Verónica Martínez, que estivo acompañada pola candidata ao Congreso pola Coruña, Marta Lois, entre outros integrantes da lista e simpatizantes, denunciou ante o recinto de San Roque, en Pontevedra, que as corridas de touros provocan a "tortura do animal até acabar coa súa vida".

Alén da derrogación da Lei 18/2013 sobre a regulación da tauromaquia, desde Sumar Galicia tamén propoñen "protexer os menores" ante a súa eventual participación neste tipo de espectáculos e a eliminación do financiamento público, que Marta Lois cualificou de "indignante". "Queremos unha Galiza libre de corridas de touros", afirmou a candidata de Sumar pola Coruña.

"Estilo Yolanda" fronte ao debate entre Sánchez e Feixoo

Ambas as candidatas criticaron tamén o debate entre o candidato do PP á presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, e o aspirante á reelección polo PSOE, Pedro Sánchez, argumentando que "só representa 40% do hemiciclo e das persoas que poden votar no Estado", polo que esa cara a cara non foi "suficientemente representativo para cumprir coa democracia", sinalou Martínez.

"Mostrou que necesitamos o estilo Yolanda", destacou a candidata de Sumar por Pontevedra, con "propostas, solvencia, datos, solucións e falar da vida da xente". Martínez referiuse a Yolanda Díaz —que virá por segunda vez á Galiza esta sexta feira, día 14, para participar nun acto electoral en Vigo— como "a mellor ministra da historia da democracia" e, como "futura presidenta", asegurou que contribuirá a "ensanchar a democracia e seguir gañando dereitos" para a cidadanía.

Pola súa parte, Marta Lois advertiu que nestas eleccións "está en xogo a involución democrática" con Núñez Feixoo "de ganchete" co líder de Vox, Santiago Abascal, o que se traduciu en que "se eliminan concellarías de igualdade, recórtanse dereitos, quítanse bandeiras de edificios institucionais e estanse levando a cabo importantes retrocesos".

"Non é unha broma", recalcou a candidata de Sumar Galicia pola Coruña, apelando a que "toda a xente progresista deste país mobilícese e vaia a votar" a formación que impulsa Yolanda Díaz, que será "decisiva para un Goberno progresista no Estado", concluíu.

Comentarios