18-F

Sumar chama á mobilización e propón unha campaña electoral "ambiciosa e fresca" que comezará en Cangas

As ministras Yolanda Díaz e Mónica García participarán en diferentes actos de campaña coa candidata á Presidencia da Xunta, Marta Lois.
Rocío Núñez, coordinadora do programa de Sumar Galicia, intervindo na presentación do programa electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rocío Núñez, coordinadora do programa de Sumar Galicia, intervindo na presentación do programa electoral. (Foto: Europa Press)

A coordinadora do programa electoral de Sumar Galicia e número tres por Pontevedra, Rocío Núñez, fixo esta cuarta feira un chamamento a reeditar o vindeiro 18 de febreiro nas eleccións galegas a elevada participación que se deu nos comicios estatais do 23 de xullo de 2023, e avanzou que a campaña será "ambiciosa e fresca", cun arranque "diferente" en Cangas do Morrazo.

Así, no acto de presentación do programa electoral, Rocío Núñez pediu que "todas as persoas vaian votar" o 18-F porque, se iso sucede, "Sumar entrará no novo goberno". "E se Sumar entra, Rueda sae", sentenciou.

Núñez explicou que a campaña terá un "arranque diferente", de forma que Sumar Galicia aposta "non só polas grandes cidades, senón polas grandes áreas metropolitanas", e por iso a formación que ten como candidata Marta Lois elixiu O Morrazo, para un "arranque diferente e bonito".

Ademais, Rocío Núñez confirmou que nos primeiros días de campaña haberá actos "potentes" por todo o territorio, un deles coa ministra de Sanidade, Mónica García, nos días previos á manifestación pola sanidade pública que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, así como outro coa propia vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, que estará o sábado en Ferrol e Narón.

Núñez constatou tamén o traballo dos voluntarios e voluntarias, con reunións por todo o país, e os encontros sectoriais, nos que participarán os ministros e ministras do Goberno estatal. O domingo centrarán "todos os esforzos" na manifestación a favor da sanidade pública e non "contraprogamarán" con ningún outro acto.

En xeral, Sumar Galicia buscará unha "campaña ambiciosa, fresca e áxil" e que "pode ser todo o alegre que desexan que poida ser", con "propostas ambiciosas".

Comentarios