18-F | Vídeo

Marta Lois recoñece os seus malos resultados e apela a construír un "proxecto de futuro" após ter 1,8% dos votos

Marta Lois di que os resultados da formación son “malos, sen paliativos”, mais chama a non desanimarse: “temos dous deputados en Madrid”.

Lois
photo_camera Marta Lois durante a comparecencia.

Malos resultados de Sumar na súa primeira cita cunhas eleccións galegas. A candidatura encabezada por Marta Lois non chegou a 2% dos apoios, ficando en 27.000 sufraxios. A propia candidata recoñeceuno na súa comparecencia ante os medios. “Son malos resultados, sen paliativos”, dixo. Lois recoñeceu que “non fomos quen neste pouco tempo de alcanzar os obxectivos” e tamén recoñeceu que “agardabamos outros resultados”.

Mais a candidata apelou a non caer no desánimo. “Somos un proxecto novo, son as primeiras eleccións galegas ás que nos presentamos, partiamos de cero”. Manifestou na súa comparecencia após coñecerse que non terían representación no Parlamento galego.

Mais Marta Lois considera que Sumar ten futuro na Galiza, “é un proxecto de futuro e imos a seguir a traballar por conseguir ese Goberno progresista”, manifestou. Subliñou que Sumar ten dous deputados no Congreso, unha base sobre a que poder ir expandido o proxecto.

Após felicitar Alfonso Rueda polo seu triunfo e de agradecer a todas as persoas que optaron pola papeleta de Sumar este domingo, Marta Lois informou de que “nos vindeiros días” valorará máis polo miúdo co seu equipo os resultados destas eleccións. E reiterou: “hai futuro [para Sumar] pero hai que traballalo”.

Sumar foi sexta forza nos comicios deste domingo, superada non só por PP, BNG e PSdeG, senón que Democracia Ourensá ou Vox tamén lograron máis sufraxios que o partido creado por Yolanda Díaz.

Comentarios