Unha sociedade liderada polo sector privado impulsará os proxectos da Xunta

Unha sociedade creada pola Xunta e liderada pola empresa privada xestionará e impulsará os proxectos do Gobeno galego que buscan captar fondos europeos e que se comprenden no Polo para a transformación, un contedor de oito iniciativas que nace da Xunta e de 30 empresas das que, de momento, só se coñece Reganosa. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, durante a reunión do Consello do Goberno (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, durante a reunión do Consello do Goberno (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta acordou crear un novo instrumento -unha sociedade liderada polo sector privado- para xestionar e pór en marcha os proxectos englobados no Polo para a transformación da Galiza, un dos programas cos que o Goberno galego pretende captar fondos europeos de recuperación a través de candidaturas que ha de presentar ao Estado. “Formarán parte [desa sociedade] aqueles socios aos que interese ser titulares destes proxectos unha vez saian da esfera pública, entidades financeiras que serán chamadas a participar no capital e, por suposto, capital público”, afirmou esta quinta feira, 4 de febreiro, o conselleiro de Economía, Francisco Conde. 

A ese respecto, o conselleiro lembrou que se está a tramitar a lei de reactivación económica, cuxa aprobación se prevé para finais de mes. O Executivo defende que esta norma nace para simplificar trámites administrativos e posibilitar a reactivación de proxectos empresariais con axilidade, ligándoa á execución dos proxectos europeos.

Pola contra, a oposición e colectivos ecoloxistas bautizárona como "a nova lei de depredación", xa que reduce a máis da metade o tempo de estudo e de realización de informes sobre proxectos de alto impacto ambiental, como hidroeléctricas ou eólicas. 

Catro novos proxectos

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avanzou os novos pasos no Polo para a transformación. "A Xunta, xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos, presentamos proxectos no ámbito da transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico”, explicou. Nós Diario dirixiuse á Consellaría de Economía para coñecer de que 30 empresas se trata, mais só forneceron o dato de Reganosa, precisamente a única compañía que citou Feixoo. 

O Polo expón catro iniciativas que xa foran avanzadas: un centro de impulso da economía circular para xestionar 2,6 millóns de toneladas de residuos anuais, unha planta de hidróxeno verde da man de Reganosa, unha factoría de produción de fibras téxtiles a partir de viscosa, e unha planta de enerxías renovábeis para abastecer eses proxectos.

A estas catro iniciativas súmanse as anunciadas na quinta feira: un plan de recuperación de terras agrarias en desuso, un centro de investigación, laboratorios dixitais e unha estratexia de loxística composta por 150 camións de enerxías sostíbeis.

Vacinas

Após a reunión do Consello do Goberno, Feixoo confirmou a previsión de que as persoas maiores de 80 anos comezarán a ser vacinadas fronte á Covid-19 a partir do 16 de febreiro e asegurou que, de continuar chegando doses conforme o ritmo prometido polo Ministerio, este colectivo quedará inmunizado a inicios de maio. 

Feixoo tamén informou de que o Complexo Hospitalario de Santiago será o primeiro centro do Estado en contar cun equipo de ultrasóns para o tratamento de pacientes con párkinson e tremor esencial que presenta unha eficacia clínica de cinco anos.

Tamén se coñeceu que a Xunta investirá 1,5 millóns en axudas "para profesionalizar" a xestión en comunidades de montes mancomunados e que máis de 100 municipios do "pacto de alcaldes" contra o cambio climático poderán optar a axudas para plans de acción para o clima.

Feixoo desbota regular o uso da máscara FFP2 pero insta o Estado a facelo

Logo de o presidente da Xunta amosarse preocupado pola posíbel circulación "con intensidade" na Galiza de cepas da Covid-19 como a británica, que poderían ser máis contaxiosas, e de ter pedido ao Estado a regulación dos usos da máscara FFP2, Nós Diario preguntou ao mandatario galego se tiña pensado regular o uso das FFP2, dado que o Estado non avanza nesa materia, se tiña previsto facelas obrigatorias no transporte público (lugar que Feixoo estimou conveniente a semana pasada) ou se a facilitaría a profesionais que as están demandando.

Porén, Feixoo desbotou regular os usos da FFP2 e amosouse contrario a que as comunidades teñan nese eido normativas diferentes. O que quixo, afirmou, foi “abrir un debate con lealdade ao Goberno de España” e reiterou que a decisión se debería tomar no conxunto do Estado.

Comentarios