O sector crítico de Anova destaca que AGE perdeu 100 mil votos a respecto das galegas

Auto-denomínanse nun comunicado "os nacionalistas de Anova" e defenden que perante os resultados das Europeas2014 a opción dunha "fronte ampla" sen Izquierda Unida tería permitido "obeter escanos galegos", recalcan, "sen dependencias". 

anova

O sector crítico de Anova fixo o seu propio balanzo dos resultados recollidos pola coligación AGE en Europa nas eleccións ao Parlamento Europeo desenvolvidas o 25 de maio.

Através dun comunicado de imprensa, @s auto-denominad@s "nacionalistas de Anova" baten contra a confluencia da organización liderada por Xosé Manuel Beiras e IU e coidan que a perda do "50% dos apoios rebeldes" a respeito das galegas reflicte que "hoxe Anova fica á marxe do espazo das forzas rupturistas" e aparece "como un partido máis á procura do seu resultado electoral". 

E é que a irrupción de Podemos --que se situou como cuarta forza na Galiza-- supuxo un dos principais freos para AGE que ficou finalmente no 10,62 por cento dos apoios, o que supón unha perda de 100.000 votos a respeito das eleccións de 2012.

Unha "fronte ampla" sen IU

Este dado constitúe para "os nacionalistas de Anova" a mostra de que "había e hai posibilidades" para unha outra "fronte ampla" que estaría integrada, din, por "Primavera europea (Compromís-Equo), Podemos, Anova e algún máis". Unha coligación, subliñan, que tería feito "tremer de verdade o bipartidismo e as forzas do status en todo o Estado" ao tempo que dotar Galiza dunha forza organizada para facer valer os seus dereitos nacionais.

O sector crítico de Anova considera que a organización liderada por Beiras fica hoxe á marxe "do espazo das forzas rupturistas"

Cumpre lembrar que o sector crítico de Anova defendía no referendo que tivo lugar no mes de febreiro apostar nunha coligación coas forzas soberanistas de esquerdas ou coa esquerda rupturista española. 

Ao abeiro dos resultados deitados polos comicios europeos afirman que unha outra fórmula de "fronte ampla" tería permitido a obtención de "escanos galegos" de maneira directa e "sen dependencias de IU", afirman. 'Os nacionalistas de Anova' responsabilizan así á organización de Cayo Lara --xunto co BNG-- da "división das forzas da ruptura" polo seu, coidan, "sectarismo". 

Comentarios