A alcaldesa de Castro Caldelas retén o bastón gañando por só 46 votos na repetición electoral

O PSOE de Sara Inés Vega obtén cinco actas na corporación e o PP, catro.
Sara Inés Vega, actual alcaldesa de Ponte Caldelas e gañadora novamente das eleccións, depositando este domingo o seu voto. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Sara Inés Vega, actual alcaldesa de Ponte Caldelas e gañadora novamente das eleccións, depositando este domingo o seu voto. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A actual alcaldesa de Castro Caldelas (Terra de Caldelas), Sara Inés Vega, conseguiu manter o bastón de mando, por só 46 votos, após a repetición electoral que tivo lugar este domingo despois de que no proceso anterior se perdesen as garantías de 118 papeletas por correo. Coas cifras dos colexios xa fechados, a participación aumentou a respecto da cita anterior, de maneira que se situou en até 81,36%, fronte ao 74,27% de maio deste ano; é dicir, case sete puntos máis de votos emitidos.

Segundo as fontes políticas consultadas pola axencia Europa Press, a candidata socialista impúxose por 46 papeletas, despois de que no proceso de maio tamén quedase de primeira, nese caso con 27 votos de diferenza con respecto á segunda lista máis votada, a do PP. Os datos provisionais apuntan que o PSOE obtivo 50,9% das papeletas (453) que lle valeron cinco actas, algo máis do 48,83% dos comicios de maio.

O PP de César Enrique Cachín tamén subiu até o 45,73% dos votos, cun total de 407 papeletas emitidas e catro edís. E o BNG, que roldara o 5% no anterior proceso, o que xa o deixara fóra da corporación municipal, obtivo apenas 25 papeletas favorábeis (2,81%) nesta repetición de eleccións.

Nesta cita estaban chamados ás urnas as 1.123 persoas inscritas no censo para o anterior proceso. De feito, os maiores de idade que fixeron os 18 anos despois do 28 de maio non puideron acudir ás urnas nesta cita, un tempo no que faleceron tamén 17 persoas no concello.

Sen incidencias

A xornada electoral decorreu sen incidencias e con "normalidade"; iso si, entre cafés, bica tradicional de Trives, queixo e xamón ibérico repartidos polas mesas dos tres colexios. Non houbo campaña electoral nin novos votantes a respecto de maio, pero si se viviu de novo unha xornada de festa da democracia apenas uns meses despois das xerais e coa mirada posta xa nas galegas. Ademais, houbo que repetir mesmo a composición das mesas. A xornada arrincou ás 9 horas e concluíu ás 20h, como nun día electoral habitual, sen incidencias.

Comentarios