Rueda vota moi "optimista"

O candidato do PP pediu que as eleccións galegas sexan "un exemplo de participación". 
Rueda, votando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. (Foto: Europa Press).
photo_camera Rueda, votando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. (Foto: Europa Press).

O candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu a votar ao colexio electoral instalado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), situado a uns 50 metros da súa casa en Pontevedra.

Alí sinalou que espera que a Galiza sexa "exemplo de participación" e mostrouse "optimista" ante a posibilidade de conseguir un "magnífico resultado".

Rueda manifestou a súa "sorpresa" polo número de medios de comunicación desprazados para informar da súa votación, e aproveitou as súas declaracións para animar á cidadanía a que acuda en masa ás urnas.

"Pido que sexamos un exemplo de participación", dixo, "convencido" de que "sería unha magnífica noticia que haxa alta participación".

"Canta máis xente participe, máis xente estará a darse conta de que hoxe se decide o futuro da Galiza", engadiu.

"As miñas sensacións son moi boas, pero agora é a xente que está a votar a que ten que decidir", compartiu Rueda cos xornalistas a quen confesou que sente un gran "optimismo por obter un magnífico resultado".

Sobre os seus plans para esta xornada dominical, Rueda indicou que dará unha volta por Pontevedra e despois ao mediodía desprazarase a Santiago, onde esperará a tarde "cun pouco de calma" para, a partir das 20 horas, atender ao resultado do escrutinio. "Van ser una unhas horas intensas sen ningunha dúbida", dixo.

Comentarios