Besteiro anticipa "un día histórico" para a Galiza

O candidato do PSdeG anima á cidadanía a participar da "festa da democracia".
Besteiro, votando esta mañá no CEIP Rosalía de Castro de Lugo. (Foto: PSdeG).
photo_camera Besteiro, votando esta mañá no CEIP Rosalía de Castro de Lugo. (Foto: PSdeG).

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou en Lugo, após exercer o seu dereito a voto, afrontar a xornada electoral con "moi boas vibracións" e convidou a toda a cidadanía convocada ás urnas a participar nun "día histórico para a Galiza".

Así o asegurou o líder da candidatura socialista en declaracións aos medios de comunicación ofrecidas á porta do CEIP Rosalía de Castro da capital lucense, onde depositou o seu voto nas urnas acompañado polo número dous da lista do PSdeG por esa demarcación, Lara Méndez.

"Teño moi boas vibracións, pero xa o veremos despois das oito da tarde, porque agora xa queda pouco, ímolo a saber moi pronto. Pero teño moi boas vibracións con este proceso e con estas eleccións", asegurou Gómez Besteiro, que fixo a súa aparición no colexio electoral ás 11,26 horas da mañá.

O aspirante socialista á presidencia, que recalcou a campaña "tan propositiva" e "tan en positivo" realizada polo seu partido durante as últimas semanas, fixo un chamamento á participación masiva este domingo: "Animamos a todo o mundo a que salga a votar para decidir o futuro da Galiza, a participar nesta verdadeira festa da democracia que é hoxe, 18 de febreiro, cando todos os galegos e galegas están chamados a decidir a Galicia de futuro que queren", proclamou.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galicia concluíu a súa breve intervención manifestando que vivirá o resto da xornada electoral "como calquera galego ou galega". "O resto de xornada será unha xornada normal, unha xornada matutina de domingo. Logo achegareime á sede do noso partido en Santiago, onde seguirei a fin da xornada electoral e o escrutinio, pero será unha xornada normal", indicou.

Comentarios