18-F

Ana Pontón vota lembrando que hoxe "se pode facer historia"

A candidata do BNG tamén realizou un chamamento a votar "masivamente".
Ana Pontón, votando no CGAC de Santiago. (Foto: BNG).
photo_camera Ana Pontón, votando no CGAC de Santiago. (Foto: BNG).

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, foi a máis madrugadora das candidatas de entre todas as principais formacións políticas do país, exercendo o seu dereito a voto no Centro Galego de Arte Contemporanea (CGAC) de Santiago de Compostela.

Alí, realizou unha intervención aos medios destacando que nestas eleccións do 18-F se pode "facer historia", o que dependerá "do que decida a cidadanía co seu voto". 

"Votei con moita ilusión, con moita esperanza, e sei que hai miles de galegos e galegos que votarán para construír a Galiza que queren e que soñan", afirmou.

Tamén salientou que "a gran protagonista desta xornada" é "a cidadanía", a quen chamou a votar, insistiu, "con alegría, ilusión e esperanza" nun momento "moi importante" para o país".

"Animo a que voten pola Galiza que queren, pola Galiza que soñan, polo futuro queren para as nosas mozas e mozos", engadiu.

Ademais, aproveitou para dar as grazas a todas as persoas que fan posíbel esta xornada electoral, desde os interventores e interventoras dos distintos partidos até as cidadás encargadas das mesas electorais, pasando polos membros da prensa.

Finalmente, desde a súa formación explicaron que Pontón "pasará a xornada en familia, co seu compañeiro e a súa filla Icia". 

.

Comentarios