Consello da Xunta

Rueda segue as ordes de Feixoo e Ayuso e pide unha Conferencia de Presidentes

A confrontación gaña peso a medida que se achegan unhas novas eleccións. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, aproveitou o Consello da Xunta desta quinta feira para volver á carga contra Pedro Sánchez. Esa confrontación co Estado está a marcar o fío condutor da actuación do Executivo galego.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira no Consello de Goberno galego. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira no Consello de Goberno galego. (Foto: Xunta)

O Consello da Xunta acordou na súa reunión desta quinta feira solicitar ao Goberno do Estado a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes ante a “clarísima situación de desigualdade na que queda Galiza respecto a outros territorios tras os acordos que sustentaron a investidura de Pedro Sánchez", valorou Rueda, que explicou que a “Galiza non quere ser máis que ninguén, pero tampouco menos”.

O acordo adoptado polo Goberno galego na súa xuntanza desta quinta feira non representa unha novidade. A dirección estatal do Partido Popular xa avanzara hai dúas semanas que as comunidades dirixidas polos populares solicitarían unha xuntanza da Conferencia de Presidentes, que formalizaron nos últimos días sete dos seus mandatarios autonómicos. Neste punto, Rueda segue a táctica marcada desde Madrid por Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso.

A Lei galega do litoral é outra peza chave na táctica de confrontación da Xunta da Galiza co Goberno do Estado. Nesta liña, o mandatario galego anunciou esta quinta a decisión do seu Executivo de continuar no Tribunal Constitucional a batalla en defensa desta norma. A este respecto denunciou "un altísimo contido político" na decisión de suspender o proxecto lexislativo e avanzou que o Consello do Estado “só ve inconstitucional 15% do texto".

O presidente da Xunta da Galiza mantivo ese mesmo ton duro á hora de valorar a investidura de Pedro Sánchez. Nesta dirección, en referencia ás palabras de Isabel Díaz Ayuso da cuarta feira, nas que cualificaba o presidente do Goberno do Estado de “fillo de puta”, sinalou que “os insultos nunca son bos, pero creo que moito peor é a calumnia premeditada”. Asemade, continuou xustificando a mandataria madrileña asegurando que “non houbo ninguén  máis atacada e máis acosada desde o punto de vista da difamación continúa".

Intermodal de Lugo

Entre os acordos tomados esta quinta feira, Rueda revelou a decisión da Xunta de colaborar  nas obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo. Nesta dirección, apuntou que a actuación representa un investimento de 50 millóns, dos que 20 son achegados polo Goberno galego e os restantes polo Ministerio de Infraestruturas de Transporte e o Concello de Lugo. Precisamente, este anuncio faise público tras divulgar o Goberno do Estado esta semana un investimento de máis 50 millóns de euros para as estacións intermodais da Coruña e Vigo.

O mandatario galego confirmou ademais o apoio do seu Executivo para o desenvolvemento conxunto do Plan de transporte metropolitano da Galiza en 12 concellos da área de Vigo. Neste programa, onde a Xunta contribúe con 2,4 millóns, participan os municipios de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior. Vigo non participa do plan por decisión do seu Goberno local.

Comentarios