O PP vota en contra de reclamar ao Estado a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza

A iniciativa do BNG instaba a Xunta a reclamar a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Ourense, Lugo e Santiago de Compostela.
Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)

O PP votou esta cuarta feira no Parlamento galego en contra dunha iniciativa do BNG para que a Xunta demande ao Estado español a creación extraordinaria de Xulgados de Violencia sobre a Muller, con competencias exclusivas e excluíntes, nos partidos xudiciais de Ourense, Santiago de Compostela e Lugo.

“A única esperanza que nos queda en igualdade é que xa queda un día menos de goberno do PP”, concluíu con contundencia o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, logo que o PP manifestase a súa oposición a esta iniciativa

A intención do Bloque era dotar a Galiza destes novos xulgados con competencias exclusivas e excluíntes, é dicir, “que as competencias de violencia sobre a muller estean concentradas nun xulgado e este non teña a obriga de levar outras materias” e poder "garantir a máxima axilidade xudicial e a mellor atención posible ás vítimas".

Tabarés recordou que para conseguir estas novas unidades xudiciais é preciso da participación do Executivo galego, que “ten que facer os seus deberes”. “Non pode haber transferencia se a Xunta non as solicita e é a Xunta quen ten que solicitar estes xulgados”, recalcou para engadir a continuación que, dende finais do ano pasado, “teñen vostedes un plan global do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza alertando do mal estado no que se atopan os xulgados de violencia de xénero galegos”.

Necesidades dos xulgados galegos

Após repasar as necesidades recollidas no citado informe, entre as que citou o incremento de maxistrados e maxistradas e dos cadros de persoal, as prolongacións de xornadas permanentes ou a cobertura das baixas por enfermidade, Tabarés censurou a resposta negativa do Goberno galego.

Segundo manifestou, “o que fixo (o PP) ante este demoledor informe foi suprimir as prolongacións de xornada, é dicir, sobrecargar aínda máis ao persoal que está atendendo este servizo”.

Na defensa da iniciativa, o deputado do Bloque recordou os distintos acordos unánimes acadados previamente na Cámara galega para solicitar a creación urxente de xulgados específicos de violencia sobre a muller, entre outros, nos tres partidos xudiciais recollidos na proposta nacionalista debatida hoxe, e lembrou de igual xeito que o propio PP reclamara en varias ocasións a creación destas unidades especializadas.

“Curiosamente estas peticións eran anteriores ao goberno de M. Raxoi”, afeou, para reprobar a continuación a bancada do PP que “resulta vergoñoso como vostedes mudan as súas políticas e as súas demandas en función de quen goberne no Estado español, evidenciando que o importante non son os galegos e as galegas, senón a estratexia do seu partido”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios