PP e Vox favorecen a reforma do PSOE da Lei do 'só si é si'

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a Lei da Paridade.
A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)
photo_camera A Cámara baixa viviu un intenso debate. (Foto: Congreso)

O Congreso español deu esta terza feira o visto e prace á toma en consideración da reforma presentada polo PSOE para a Lei do 'só si é si' cunha votación na que os membros do Executivo español se postularon de forma oposta. "A lei non está a funcionar adecuadamente e hai que modificala. Hai que ser responsábeis", argumentaron desde a bancada socialista. "Estamos cansas das súas peroratas, señorías de Unidas Podemos. Deixen a hipérbole e fálennos de solucións", manifestou Andrea Fernández (PSOE) .

A ministra de Igualdade, Irene Montero, de Unidas Podermos, manifestou que a votación de onte na Cámara baixa "é unha mala noticia para as mulleres". Lamentou que o PSOE "vaia da man co PP para volver ao código penal da violencia ou a intimidación".

PP e Vox anunciaran xa antes do debate que ían favorecer a proposta de reforma presentada polo PSOE (finalmente, o PP votou a favor e Vox abstívose); Compromís e Más País dixeron que se abstiñan e o BNG, EH Bildu, ERC e a CUP afirmaron que votarían en contra.

Lei de Paridade

Tamén esta terza feira, o Consello de Ministros e Ministras aprobou en primeira volta o anteproxecto de Lei de Paridade, cadrando coa véspera do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadora. "Pasamos de recomendacións e boas prácticas a estabelecer obrigas que permitan alcanzar a igualdade de xénero efectiva en ámbitos de decisión política e económica", sinalou a vicepresidenta e ministra de Economía, Nadia Calviño. Preguntada por se o Ministerio de Igualdade participou na elaboración da Lei de Paridade, Calviño explicou que a coordinación correspondeu a Presidencia.

Posteriormente, fontes do Executivo precisaron que o Ministerio de Igualdade non participou na elaboración da nova norma xa que ningunha das leis que modifica esta normativa afecta o departamento de Irene Montero.

Comentarios