VÍDEO

O PP defende o edil de Cangas que agrediu, segundo o PSOE, unha concelleira: "Estaba gravándoo"

O PSdeG exixiu na segunda feira a “dimisión inmediata” do edil de Cangas José Luis Xestido “pola intolerábel agresión” á concelleira socialista Iria Malvido.

photo_camera CAP

De “intolábel agresión”. Así cualificou o PSdeG o acontecido no pleno municipal da quinta feira en Cangas (O Morrazo), cando o edil do PP José Luis Xestido se dirixiu con actitude violenta á concelleira Iria Malvido, do PSdeG.

“Os violentos deben ser expulsados da política, e se Xestido non dimite, tócalle a Rueda botalo”, apuntou na segunda feira David Regades, secretario provincial do PSOE.

O PP, pola súa parte, nega que se producise agresión algunha, polo cal considera que Xestido non debe dimitir.

“Levantarse do escano, dirixirse ao dun adversario político e botarlle a man a unha concelleira para arrebatarlle violentamente un teléfono móbil é un xesto que non pode tolerarse”, salientou Regades, quen comparou a actitude de Xestido coa do concelleiro de Vox en Madrid Javier Ortega Smith.

Regades non ten dúbida de que o ocorrido no último pleno municipal, na quinta feira, foi unha “agresión física e verbal” do concelleiro do PP á concelleira socialista, quen é tenente de alcaldesa da localidade do Morrazo.

“Como pode comprobarse nos múltiples vídeos dispoñíbeis, consistiu en tapar o obxectivo do seu móbil, que estaba gravándoo, unha forma de actuar absolutamente improcedente, xa que nunca foi costume no noso municipio que os concelleiros e concelleiras se graven uns os outros durante a celebración dun pleno”, argumentou o PP.

Comentarios