Rueda falará con Urkullu para "tentar" que coincidan as eleccións vascas e galegas

O presidente, porén, matiza: "Aínda non penso niso, é complicado porse a pensar nunhas eleccións para as que queda bastante tempo".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reiterou esta sexta feira que aínda non está "a pensar" na data das próximas eleccións galegas, que corresponden ao próximo ano 2024, mais si confirmou que non coincidirán coas Xerais e que si lle "gustaría" que fosen o mesmo día que as vascas, como vén sendo habitual nas últimas citas, unha cuestión que abordará co lehendakari, Iñigo Urkullu, cando corresponda para "tentar" fixar a cita electoral o mesmo día.

Rueda indicou que, nunha viaxe a Gasteiz recente —xunto a outros presidentes do norte do Estado— mantivo unha conversa informal sobre "este tema" e ambos os dirixentes quedaron "en falalo para tentar" facer "coincidir" ambas as citas coas urnas.

"Pero nada máis que quedar en falalo e, por suposto, despois cada un tomará as súas decisións", salientou, para asegurar que "non é un tema" que lle "preocupe" e engadir que, "sinceramente", non pode dar "unha resposta máis concreta" nestes momentos.

Na comparecencia posterior á reunión semanal do seu goberno, nesta ocasión coincidindo en sexta feira polo festivo da Ascensión na capital galega da quinta, o presidente pronunciouse así tras ser preguntado sobre se a data do 9 de xuño é un domingo posíbel para fixar as eleccións galegas, facéndoas coincidir coas europeas xa marcadas para esa xornada por parte da UE.

Rueda ironizou que, con máis de "70 actos desta campaña" electoral das municipais, "é complicado porse a pensar nunhas eleccións para as que queda bastante tempo". O 12 de xullo de 2024 faranse os catro anos desde a convocatoria dos comicios galegos, malia que esa data foi a segunda fixada logo de atrasarse como consecuencia da pandemia da Covid-19.

"Volvo reafirmar o dito onte [por esta quinta feira]. Non van coincidir coas eleccións xerais", manifestou, en referencia a que a lexislatura estatal remata este ano e que, como moito, as Xerais poderían esperarse varios meses antes de que conclúa o mandato na Galiza. "Non o podo facer [coincidir ambas as datas], como presidente da Xunta hai que facer moitas cousas e atender a moitas necesidades", dixo.

Rueda precisou que, unha vez fixadas as europeas —que cadran en datas bastantes semellantes ao final do mandato galego—, agora "empezarán as preguntas" neste sentido, pero incidiu en que aínda non o abordou. "Supoño que esta pregunta será insistente en próximas datas, pero de verdade que non me parei a pensalo", insistiu.

Comentarios