Rueda valora co seu equipo adiantar as eleccións galegas ao 23 de xullo

Pasadas as 11 horas da mañá da segunda feira, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciaba a convocatoria de eleccións anticipadas para o 23 de xullo, tras os resultados negativos rexistrados polo PSOE nos comicios municipais. Unha decisión que revolveu as filas dos populares na Galiza.

Paula Prado e Alfonso Rueda este 28 de maio en rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera Paula Prado e Alfonso Rueda este 28 de maio en rolda de prensa (Foto: Arxina).

Segundo puido saber Nós Diario, o presidente galego, Alfonso Rueda, permanece arestora reunido co seu equipo de colaboradoras e colaboradores para analizar se adianta as galegas e as fai coincidir coas estatais, entendendo que o contexto político aberto tras as municipais favorecen os intereses do Partido Popular na permanencia á fronte da Xunta da Galiza.

Ademais, o vicepresidente primeiro, Francisco Conde, referiuse esta mañá, en declaracións aos medios de comunicación, ao “novo contexto” aberto co adianto das eleccións estatais. Na tarde da segunda feira, reunirase o Comité Executivo do partido e “nese contexto farase unha análise tanto do resultado das eleccións como deste novo contexto e será o momento en que o presidente poida trasladar o seu posicionamento”.

De feito, o presidente da Xunta da Galiza convocou rolda de prensa para as 18 horas e prevese que sexa entón cando dea conta da decisión adoptada.

Incumprirá a palabra? “Coas xerais non van coincidir”

O pasado 18 de maio, Rueda asegurara, en declaracións aos medios de comunicación, que non dedicara tempo a pensar se as eleccións galegas poderían convocarse coincidindo coas próximas europeas, fixadas para o 9 de xuño de 2024, mais afirmara categoricamente que descartaba adiantalas ao outono de 2023 para facelas coincidir coas eleccións estatais.

Hai tan só dez días, o xefe do Executivo amosábase tallante ao respecto: “Volvo reafirmar o dito onte. Non van coincidir coas eleccións xerais”.

Sinalara ademais que como presidente da Xunta da Galiza non se podería permitir esa coincidencia, pois suporía un adianto importante “e hai que facer moitas cousas e atender moitas necesidades” antes de que conclúa a lexislatura, o 12 de xullo de 2024.

Na tarde desta segunda feira saberase se o xefe do Executivo incumprirá a súa palabra para aproveitar a vaga desatada tras a suba do PP nas eleccións municipais co fin de manter o Goberno galego.

Un BNG á alza, un PSdeG á baixa e sen candidato e as mareas e Unidas Podemos esnaquizadas

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reaxiu na mañá da segunda feira ante a posibilidade dese adianto electoral de practicamente un ano: “O señor Rueda pode convocar as galegas cando queira. Estamos preparados e preparadas para darlle a este país un Goberno para abrir un tempo novo. Somos a alternativa ao PP. Non nos pomos límites e imos a por todas, a pola Presidencia da Xunta. O cambio galego é imparábel”.

A convocatoria dunhas eleccións galegas para o 23 de xullo collería o BNG en claro ascenso, o PSdeG en caída e sen sequera candidato e o espazo de Unidas Podemos e as mareas esnaquizado.

Pontón é a actual líder da oposición tras ser a segunda forza máis votada nas eleccións decorridas o 12 de xullo de 2020, con 19 escanos. Gonzalo Caballero, daquela candidato do PSOE e hoxe apartado pola Dirección socialista, conseguira 14, e Alberto Núñez Feixoo, gañara con maioría absoluta ao sumar 42 escanos.

Comentarios