A coincidencia entre as eleccións estatais e os comicios galegos está sobre a mesa

10 de decembro prevese como a data máis probábel para as eleccións españolas.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, cando este último renunciou á Presidencia da Xunta, en maio. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, cando este último renunciou á Presidencia da Xunta, en maio. (Foto: Europa Press)

O calendario electoral de 2023 manda na axenda das formacións políticas galegas. Fixados os comicios municipais para 28 de maio, agárdase pola data dos estatais, probabelmente a realizar no mes de decembro. Neste sentido, algúns analistas e dirixentes políticos non descartan a súa coincidencia coas eleccións galegas.

O longo ciclo electoral de 2023 e 2024 ten a súa primeira parada no mes de maio. A esa altura, a gran maioría das comunidades autónomas do Estado escollen os seus Parlamentos e a totalidade dos concellos as corporacións municipais. A súa proximidade ás eleccións estatais convérteas nunha sorte de primarias, onde se pon a proba o liderado de Feixoo e Rueda. A data máis probábel para as eleccións estatais é 10 de decembro.

Segundo puido saber Nós Diario, a intención dos socialistas era continuar a lexislatura até febreiro de 2024, para completar o período da Presidencia europea e para marcar distancias cos momentos máis duros da crise. Porén, os servizos xurídicos do Congreso informaron desfavorabelmente a súa pretensión, indicándolle que a convocatoria non podía superar o prazo de decembro de 2023.

As seguintes citas electorais son as europeas e as galegas. As primeiras están fixadas para maio ou xuño de 2024, quedando por determinar as segundas, que corresponderían, de completarse a lexislatura, en xullo dese ano. Neste sentido, nos círculos políticos galegos colle forza a posibilidade de que Rueda tente convocar os comicios galegos cos estatais, para paliar a súa falla de tirón electoral e a súa debilidade como candidato.

Os defensores desta tese apuntan que Rueda tentaría rendibilizar a imaxe de Feixoo para gañar apoio electoral. Nesta liña, sinalan a imaxe do antigo mandatario galego, coidadosamente construída durante anos pola secretaria xeral de Medios da Xunta e actualmente en cuestión no Estado, como unha das fortalezas dos populares. Asemade, lembran que a coincidencia electoral, tamén, favorecería os socialistas e o espazo de Unidas Podemos, cuxos mellores resultados danse, sempre, nos procesos estatais. Os grandes perdedores neste escenario serían as formacións nacionalistas.

Os politólogos consultados por Nós Diario manteñen distintas posicións. O profesor da USC Miguel Bastos afirma que "non lle estrañaría que se fixese coincidir as galegas e as estatais, mesmo no caso de as galegas non se trataría dun adianto en si, senón dun adianto técnico". Porén, matiza que "aínda queda moito tempo e todo vai depender de como evolucionen as cousas".

O profesor e politólogo Antón Losada non ve posíbel un adianto electoral na Galiza para facer coincidir ambos os comicios e ademais considera que "é moi difícil xustificar este adianto" de cara á opinión pública. Neste sentido, entende  que "a Rueda interesaríalle presentarse co apoio dun Feixoo que veña de ser elixido con anterioridade presidente do Goberno español".

As expectativas para as eleccións locais

A medida do éxito para o PP está na súa capacidade para avanzar no espazo urbano e, concretamente, lograr algunha das Alcaldías das cidades (non ten ningunha). Un bo resultado para o PSdeG sería manter o poder local actual e todo o que non sexa mellorar cuantitativamente os resultados de 2019 sería un fracaso para o BNG.

Comentarios