A Xunta indemnizará os gandeiros afectados pola 'Covid das vacas'

O PP exclúe as caídas de produción e os abortos dunha proposta defendida polo BNG no Parlamento.
Varias vacas pastan na serra do Xistral, en Abadín, na comarca da Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Varias vacas pastan na serra do Xistral, en Abadín, na comarca da Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou esta sexta feira a apertura dunha liña de axudas ás explotacións gandeiras que certifiquen —perante informe veterinario— a perda de gando por mor da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), a coñecida como 'Covid das vacas'. Estas indemnizacións concederanse o vindeiro ano, mais terán carácter retroactivo ao presente 2023.

Até o momento notificáronse no conxunto do país trece focos, con dez mortos. É unha doenza, lembrou o conselleiro "de baixa afectación e mortalidade", que ademais "non se transmite nin aos seres humanos nin a unha vaca que estea á beira doutra infectada", pois ten que picala un mosquito.

Os abortos e caídas da produción, fóra

Precisamente esta sexta feira a comisión 7ª do Parlamento galego aprobou a proposición non de lei do BNG encamiñada a demandar á Xunta axudas económicas para as granxas afectadas. A proposta, porén, deixou fóra as baixadas "notábeis" de produción e os abortos bovinos derivados da EHE, no marco dunha emenda do grupo popular.

Comentarios