Rueda, sobre unha coincidencia de eleccións galegas e vascas: "Galiza ten o seu propio camiño"

"É certo que sempre houbo unha coincidencia, pero non hai obriga legal. Se se produce benvido sexa, pero, se non, non pasaría nada", defendeu o presidente da Xunta.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou esta segunda feira que "Galiza ten o seu propio camiño" ao ser preguntado se existe a posibilidade de que coincidan as eleccións galegas e vascas do vindeiro ano. Foi nun acto na Coruña e a preguntas dos xornalistas. En concreto, foi cuestionado sobre se falou co novo candidato do PNV aos comicios vascos, Imanol Pradales, e sobre esta posíbel coincidencia de eleccións.

Rueda incidiu en que neste asunto non hai variación respecto á resposta que deu nos últimos meses. "É certo que sempre houbo unha coincidencia, pero non hai obriga legal. Se se produce benvido sexa, pero, se non, non pasaría nada", defendeu o mandatario galego.

"Galiza ten o seu propio camiño, non sei os plans da convocatoria de Euskadi, pero seguro decidirán en función dos seus intereses e aquí en función dos intereses da Galiza", argumentou Rueda, quen agradeceu, por outra parte, a "colaboración" do actual lehendakari, Iñigo Urkullu.

Estas declaracións fíxoas o titular do Executivo galego, esta segunda feira, tras facer entrega de 40 novas vivendas protexidas de promoción pública en réxime de alugueiro na Coruña; en concreto, situadas no barrio de Xuxán.

"Que Vox non se presente"

O PP non quere dividir o voto da dereita na Galiza de cara ás eleccións galegas de 2024, consciente de que cada sufraxio conta para non perder a maioría absoluta. Após se coñecer que Vox si vai concorrer a estes comicios, como adiantou Eldiario.es, o PP xa saíu á palestra para considerar que ese paso pode derivar nun Goberno galego de esquerdas.

O vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, advertiu a pasada quinta feira a Vox de que "non ten posibilidade en ningunha das catro provincias" e que sería “intelixente” non dividir o voto da dereita. Así o manifestou en declaracións en  EsRadio. "Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela", dixo.

Comentarios