Rueda admite preocupación pola situación da economía mais non prevé novas medidas

O presidente di que a desaceleración "é complicada" mais "prevista".
Alfonso Rueda, esta quinta feira, na súa comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, nunha comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta quinta feira: "Non oculto a miña preocupación" ante unha desaceleración da economía galega que avisa dun posíbel estancamento. Porén, e malia as preguntas da prensa sobre se o Goberno galego ía adoptar novas medidas perante ese escenario, estas ficaron sen resposta.

Rueda limitouse a sinalar que os Orzamentos para 2023 xa contemplaban un "inicio de ano" difícil e citou algunhas das medidas xa adoptadas hai meses polo Executivo mais ningunha proposta ou medida nova.  Porén, as previsións do BBVA e da AIReF de finais de 2022 rebaixaban as proxección de crecemento recollidos nos Orzamentos de 2023. O desfase entre as dúas cifras apunta a un incremento da débeda pública e do déficit para 2023.

O presidente contrapuxo a súa "preocupación" pola evolución da situación económica cun Goberno español abonado "ao optimismo a toda costa". Rueda mostrou a súa confianza de que en 2023, e malia as dificultades, haxa crecemento económico.

Rueda pronunciouse na súa comparecencia semanal após o Consello da Xunta, que decorreu esta quinta feira na capital galega e durante o cal se adoptaron diversas decisións, como a dirixida a incentivar persoal médico para titorizar os MIR, médicos residentes.

Atención Primaria

O presidente da Xunta  informou deste decreto e os detalles facilitounos o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen debullou os incentivos para que máis médicos dediquen os seus esforzos á formación dos MIR: terán prioridade á hora de participar en actividades de formación continuada e outorgaráselles puntuación adicional nos baremos para que poidan "mellorar" a súa situación en procesos selectivos ou concursos de trasladados; para alén de "acurtar prazos" para alcanzar novos graos na carreira profesional e, en consecuencia, cobrar máis.

Comesaña constatou que, a día de hoxe, o Sergas ten 900 titores de MIR, dos que 350 corresponden á especialidade de Medicamento Familiar. "Temos un problema importante de titores, sobre todo para Primaria", asegurou Comesaña, quen lembrou que este ano a oferta galega de prazas para o primeiro nivel asistencial é de 207 dos 620 totais.

Plan director de estradas

O Consello da Xunta tamén aprobou esta quinta feira a elaboración dun Plan director da rede viaria da Galiza e no que se prevé investir até 2035 máis de dous mil millóns de euros. Entre os obxectivos, reducir os tramos de concentración de accidentes.

 A respecto disto, Nós Diario informaba esta quinta feira de que a rede de estradas da Galiza é a cuarta do Estado con maior déficit de investimento e a terceira con máis quilómetros de tramos de alto risco: 261 quilómetros.

900 prazas, 40.000 persoas inscritas

Por último, Rueda tamén anunciou que a primeira quincena de xuño serán os exames en 24 procesos selectivos da función pública que estaban pendentes de data, e na primeira quincena de xullo realizaranse as probas dos outros nove. Para as 900 prazas dos 75 procesos activos hai 40.000 persoas inscritas.

Adeus á cita previa como único sistema de atención

O presidente da Xunta ratificou esta quinta feira que a Administración galega prevé que as "poucas" oficinas que aínda manteñen o sistema de pedir cita previa obrigatoria como única opción cambien o modelo "en moi pouco tempo, de inmediato", de forma que se algún cidadán chega sen solicitalo antes tamén sexa atendido.

Así o confirmou, a preguntas dos medios. Unha intervención na que concretou que, en todo caso, a Administración galega mantén esta modalidade de forma exclusiva "en moi poucos rexistros". "É algo absolutamente residual", dixo

Rueda, que lembrou que a cita previa foi unha medida que se empregou "con toda a intensidade" durante a pandemia, mais considera que, aínda que pode ser un sistema útil para organizar o traballo, hai que garantir a atención presencial.

Comentarios