580.123 familias galegas chegaron con dificultades a fin de mes no ano 2022: así mudaron os hábitos de consumo

A crise déixase notar nos fogares galegos. Máis alá dos relatos sobre a evolución da situación económica no país, 54,53 % dos fogares galegos recoñeceron chegar con dificultades a final de mes ao longo da anualidade de 2022. Neste contexto, o Índice de Confianza do Consumidor caeu 10,82 puntos no último ano.
As dificultades económicas afectan cada día máis ao persoal ocupado -aquel que ten emprego- pola caída do poder adquisitivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera As dificultades económicas afectan cada día máis ao persoal ocupado -aquel que ten emprego- pola caída do poder adquisitivo. (Foto: Europa Press)

O Índice de Confianza do Consumidor (ICC) marcou -24,53 para o último trimestre de 2022. Segundo as cifras achegadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) na Enquisa Estrutural de Fogares, as familias galegas observan con preocupación a súa situación económica, fixando un resultado negativo para un  indicador que estabelece cero como número neutral, -100 como valor negativo máximo e 100 como o mellor resultado positivo.

A confianza do consumidor rexistrou unha caída no último ano de 10,82 puntos. Así, o Índice de Confianza do Consumidor do cuarto trimestre de 2022 é 0,71 puntos inferior ao do terceiro trimestre, 11,68 puntos inferior ao do segundo trimestre e 4,53 puntos inferior ao do primeiro trimestre. Neste sentido, os valores do ICC do pasado ano situáronse nos niveis dos momentos finais da coñecida como gran recesión, a que estalou en 2008.

Os datos do IGE certifican a preocupación da poboación galega pola situación económica. Tomando como referencia toda a serie histórica do ICC na Galiza, a excepción de 2020, ano marcado pola pandemia do coronavirus, os valores de 2022 foron os máis negativos desde a existencia de rexistros do índice. Tanto é así que tan só resultaron mellores que os das anualidades de 2012 e 2013, nos momentos máis duros da gran recesión.

A confianza do consumidor diminuíu en función da renda. Así, nos fogares con ingresos inferiores a 600 euros ao mes o ICC foi de -30,39; nos fogares con ingresos entre 600-1.000 euros ao mes foi de -33,65; nos fogares con ingresos entre 1.000-1.500 euros ao mes foi de -35,75; nos fogares con ingresos entre 1.500-2.000 euros ao mes foi de -29,12, nos fogares con ingresos entre 2.000-3.000 euros ao mes foi de -14,90 e nos fogares con ingresos de máis de 3.000 euros ao mes o ICC foi de -2,55.

A achega a cada un dos compoñentes do Índice de Confianza do Consumidor avanza datos de relevo sobre a situación financeira dos fogares galegos. Foi valorada con -11,57, unha cifra máis negativa que durante a pandemia e só comparábel á de 2013, anualidade na que o Estado español foi rescatado pola Comisión Europea. Outro tanto acontece coa capacidade de aforro, situada en -34,57 e nuns valores inferiores a 2020.
Os datos do IGE tamén dan conta das dificultades económicas das familias galegas ao longo de 2022. Así, 45,47% afirmaron chegar a fin de mes con facilidade ou moita facilidade; 48,28% con dificultade, e 6,25% con moita dificultade.

Neste sentido, un total de 585.123 familias recoñeceron dificultades para rematar o mes, como no último trimestre do pasado ano, unha cifra só superada nas dúas últimas anualidades de 2012 e nas primeiras de 2013.

A situación viuse agravada en función dos diversos niveis de renda dos fogares. Neste sentido, 88,51% das familias con ingresos menores a 1.000 euros mensuais recoñeceron dificultade ou moita dificultade para chegar á fin de mes, reducíndose esta cifra a 27,29% naquelas familias con ingresos superiores a 2.000 euros. Ao tempo, 74,40% dos fogares con ingresos mensuais entre 1.000 e 1.500 certificaron, tamén, dificultade ou moita dificultade para facer fronte aos gastos do mes.

Apertar o cinto

Os problemas económicos obrigaron as familias galegas a apertar o cinto durante a anualidade pasada. Nesta liña, 40,91% dos fogares mudaron os seus hábitos de consumo, optando por produtos máis baratos, apostando por marcas brancas e mercando os alimentos de oferta. Asemade, 46,53% diminuíron outros gastos comúns, como roupa, calzado, transportes, gas e electricidade.

Os recortes nos gastos correntes incidiron na calidade de vida das familias galegas. Así, 58,77% víronse obrigadas no último trimestre de 2022 a renunciar a saír cear fóra ou a acudir ao cinema ou ao teatro. Por outra parte, 32,30% non puideron dedicar diñeiro ningún ao aforro e 16,50% non acometeron ningunha compra extraordinaria de roupa ou calzado.

Recorrer á familia

O círculo familiar volveu ser a alternativa para moitos fogares galegos diante da crise. Neste sentido, 77.043 familias galegas víronse na obriga de solicitar axuda económica e financeira aos parentes para facer fronte ao seu gasto ordinario. Neste punto, a porcentaxe superou a dos anos da pandemia, só rexistrando unhas cifras máis negativas ao longo de 2013. Precisamente, esta realidade evidencia a ausencia dun sistema público de benestar forte.

Comentarios