Rueda asegura estar "tranquilo" pola xestión eólica da Xunta

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu a xestión en materia eólica do seu Goberno e manifestou a súa “absoluta” tranquilidade respecto “a calquera decisión adoptada”.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

Precisamente, o mandatario galego fixo estas declaracións diante dunha pregunta formulada por Nós Diario durante a tradicional rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Rueda eludiu aclarar a posición da súa formación fronte a solicitude do BNG de constituír unha comisión de investigación para aclarar as concesións eólicas do Executivo galego e o presunto trato de favor a Greenalia, empresa da que é directiva a antiga conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

A este respecto, sinalou que os nacionalistas "deberían aclararse un pouco" e lembrou que foron "grandes promotores" da electricidade de orixe renovábel cando tiñan competencias na materia durante o Goberno bipartito.

O mandatario galego afirmou que “este Goberno actuou con enorme rigor e con independencia dos intereses económicos de calquera promotor. Tamén con criterios ambientais, cousa que non fixo o Goberno central. Estou absolutamente tranquilo por calquera decisión tomada pola Xunta en materia eólica”.

Pontón

As palabras do presidente galego chegaron un día despois de que Ana Pontón, sinalara que “o Goberno do PP está traballando para as eléctricas e en contra dos intereses dos e das galegas, e por se fose pouco, está perdoando ás empresas adxudicatarias de parques eólicos o desenvolvemento dos proxectos industriais vinculados a esas adxudicacións ou, no seu defecto, a súa monetización”.

Neste sentido, apuntou que “e gravísimo que se lle estea regalando diñeiro a mans cheas ás empresas eléctricas”.

A responsábel nacionalista afirmou que “o PP traballa para as eléctricas cunha lexislación ad hoc, traballa para as eléctricas cando paraliza a rede natura, para facilitar a instalación de parques eólicos; traballa para as eléctricas cando vemos que se aproban proxectos que son anulados ou paralizados pola xustiza”.

A xefa da oposición asegurou que a política eólica do PP “forma parte dunha auténtica estafa colectiva a este país, o PP está traballando para as eléctricas cun boom eólico depredador, en moitos casos con lexislación a medida e incumprindo a lei. Máis alá das responsabilidades penais, que debe dirimir a Xustiza, hai que esixir responsabilidades políticas no Parlamento, e o BNG non vai permitir este atropelo”.

Comentarios