Rubén Arroxo: "A peonalización de toda a contorna da muralla é o punto de chegada"

Que a muralla romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2000, deixe de ser unha 'gran rotonda' e se converta en espello dun novo modelo de humanización e de mobilidade é unha das principais metas que persegue o nacionalista Rubén Arroxo (34 anos), tenente de alcalde lugués, e adestrador de atletismo. 
O lugués Rubén Arroxo (BNG) é arquitecto técnico.
photo_camera O lugués Rubén Arroxo (BNG) é arquitecto técnico.

—Hoxe, de non ser pola pandemia, Lugo estaría cheo de festas e celebracións en plena semana do San Froilán. Como está a vivir estas datas?

Este ano non é unha festa porque non temos todos os elementos propios e tradicionais da celebración do San Froilán, como son o recinto feiral, as casetas do polbo, as charangas, a pólvora..


Porén, si temos unha semana cultural con até seis escenarios musicais simultáneos en diferentes barrios de Lugo, evitando así as aglomeracións e mantendo prendida a chama da cultura na nosa cidade. As bandas e artistas que actúan son da Galiza e, na súa maioría, de Lugo. Ademais, na zona do centro hai programación de actividades pensadas para crianzas. Aquí as festas son do 4 ao 12 de outubro, polo que esta semana cultural tamén terá esa mesma duración.

—O proxecto bandeira do BNG en mobilidade é a humanización da contorna da muralla romana. Cal é o obxectivo desa intervención e en que punto se atopa?

É unha evidencia que o tráfico rodado ao redor da muralla está danando o monumento a nivel estrutural. Ademais, no que ten a ver co patrimonio, non pode ser que a única muralla romana que existe no mundo na súa totalidade sexa unha rotonda. 

 O noso proxecto é ir progresivamente retirando o tráfico do redor do monumento, contamos con que en poucos días se adxudiquen xa as obras do treito que popularmente lle chaman da Mosqueira, que conta cuns 120 metros que se van peonalizar totalmente.

Este emprazamento converterase así nunha praza multiusos cun espazo aberto onde tamén haberá unha zona verde. Será o espello para o futuro, onde poder ver todo o que gaña a muralla cando se libera de coches. Esperamos que iso tamén incremente o debate social que existe, no que unha parte da poboación quere avanzar cara ao camiño da humanización mentres que outra non o ve. Nese sentido, creo que cando estea rematado o treito da Mosqueira as posicións posibelmente se desequilibren a favor do positivo que implican as peonalizacións. 

Temos que ter en conta que a ronda da muralla [rúa que rodea o monumento] mide uns 2,5 quilómetros e que actualmente funciona como un distribuidor. A peonalización de toda a contorna da muralla é o punto de chegada para o que traballamos, sabendo que é un proxecto a medio longo prazo e que serán precisos cambios importantes en materia de tráfico.

—Ten máis humanizacións proxectadas na cidade?

Agora mesmo está en marcha o proxecto para a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, que completará practicamente as peonalizacións na zona comprendida dentro da muralla. 

Cada poucos días chaman grupos de veciñas e veciños para que se humanicen e peonalicen rúas, sobre todo en espazos onde hai poucas zonas verdes. Coa pandemia, moita veciñanza deuse conta de que nos seus barrios non teñen espazos onde saír a pasear. 

—Como están a levar a redución do tráfico que implican as humanizacións?

Agora mesmo podemos falar de que hai xa 13 centros escolares cuxa contorna é de tráfico calmado. Foi un avance moi positivo en tan só 8 meses e o obxectivo é levalo a máis centros de ensino e ao resto da cidade. O proxecto de calmado do tráfico ao redor dos centros é a primeira fase para agora poder desenvolver os guieiros escolares, para que as nenas e os nenos poidan ir a pé ás clases. En Lugo hai un problema serio cos vehículos a primeira hora da mañá e ao mediodía diante dos colexios porque non hai espazos para estacionar. Haino que cambiar e cómpre acostumar as crianzas que vaian a pé, mais para iso queremos crear unha estrutura que as nais e pais vexan que é segura para as súas fillas e fillos.  Por iso o primeiro que fixemos foi calmar o tráfico. 

Hai avenidas, como a Ramón Ferreiro, onde se atopan até cinco centros escolares e polas que os vehículos ían a máis de 50 km por hora. Agora, en cambio, hai unha limitación de velocidade a 30 e colocamos pasos de peóns elevados e 'lombos de asno'.  

—Nas eleccións galegas o BNG superou o PSOE, mais a suma de ambos (18.188 votos) dista moito do PP (22.657). Con todo, os populares non gañan unhas municipais desde 1995. A que se debe? É Lugo unha cidade conservadora?

Eu non creo que Lugo sexa conservadora, aquí hai xente conservadora e xente que non o é, como en todos os sitios. O que está claro é que a veciñanza vota diferente segundo o tipo de eleccións que sexan, e de trasladárense os resultados dos comicios galegos aos municipais, o PP sempre tería maioría en Lugo, mais cando chegan as urnas vemos que, tal e como aconteceu na última ocasión, fican en 30% de apoio. 

Valoración do cogoberno

Nas eleccións municipais de 2019 o BNG volveu apostar en Rubén Arroxo para encabezar a candidatura e o resultado sorprendeu nas propias filas nacionalistas, sendo a forza que máis subiu en votos e actas, pasando de dúas a cinco. O aumento exponencial e a falta de maioría do PSdeG da alcaldesa Lara Méndez fixo o nacionalismo imprescindíbel para o Goberno. Após as negociacións, Arroxo converteuse en tenente de alcalde.

A última vez que o Bloque estivera nun cogoberno en Lugo fora de 2011 a 2012.  "Vai máis dun ano e polo de agora estamos facendo transformacións importantes que só levábamos nós no programa, polo que se o BNG non estivese onde está sería moito máis complicado que se puideran levar a cabo", considera Arroxo. "Ademais, a diferenza do cogoberno de 2011-2012, agora contamos con máis peso, o cal permite termos maior responsabilidade e levar adiante os proxectos". 

Comentarios