Rodil exixe máis recursos para a Atención Primaria

O BNG propón un Plan de mellora orzamentado en 200 millóns
Castro e Rodil (á dereita), esta terza feira, nunha protesta en Castroverde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Castro e Rodil (á dereita), esta terza feira, nunha protesta en Castroverde. (Foto: Nós Diario)

A cabeza de lista do BNG pola circunscrición de Lugo, Olalla Rodil, participou esta terza feira na concentración convocada en Castroverde (comarca de Lugo) en defensa da sanidade pública da bisbarra. Rodil afirmou que "é preciso dar a volta a 15 anos de recortes na sanidade pública e blindala con persoal e medios que garantan o acceso das galegas e galegos a unha atención sanitaria de calidade". 

Para a candidata do BNG, "unha das primeiras medidas a pór en marcha é o Plan de mellora da Atención Primaria, cunha partida de 200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada á sanidade pública", explicou.

"A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu estes recortes de maneira máis forte", declarou Rodil, que engadiu que "as consecuencias, masificación de consultas, falta de profesionais, PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e dos galegos". 

A candidata do BNG insistiu en que estes recortes son unha realidade, tal e como revelou na segunda feira o Defensor do Paciente, que sitúa os centros de saúde galegos como os máis saturados do Estado español, polo que urxiu a "acabar cos recortes e as privatizacións". "As galegas podemos darlle a volta a esta situación e recuperar un sistema de sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade", dixo.

Sanidade "de primeira"

Tamén a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, apostou por este plan de reforzo da Atención Primaria para garantir a atención de profesionais nos centros de saúde como o de Castro Caldelas (Terra de Caldelas), onde comprometeu "unha sanidade pública de primeira". 

Comentarios