Análise

Os "regalos da hostia" de Paula Prado

Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)

Queiran ou non queiran, o nome de Paula Prado está asociado para sempre á "Operación Pokemon". A instrución desta causa de corrupción recolle toda unha serie de gravacións de conversas telefónicas, ordenadas pola xuíza de Lugo, Pilar de Lara, onde a actual secretaria xeral do Partido Popular na Galiza sinala o seu compañeiro de formación, Angel Espadas, que “os regalos que fai Vendex ti xa os sabes: sen facer nada fai un regalo da hostia”.

Malia que a dirixente popular saíu libre deste procedemento, as súas palabras desvelan un coñecemento do funcionamento desta trama, onde, na súa propia boca: “sen haber contrato, hai unha pluma Montblanc ou un bolso de non sei canto”.

Os "regalos da hostia" a Prado chegáronlle da man de Gerardo Conde Roa, Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda Valenzuela. O primeiro librouna de percorrer concellos da comarca de Compostela como avogada por contratos de diferentes Centros de Información a Muller (CIM), entre eles Melide e Teo, para convertela en 2007 en voceira do PP en Compostela. Unha vez derrotado nos comicios de 2011 o alcalde socialista Xosé Sanchez Bugallo, Prado pasou a exercer como voceira do Goberno local presidido por Conde Roa, até que, cercado pola corrupción, foi obrigado a dimitir polo propio Núñez Feixoo en outubro de 2013.

Conde Roa apostou tamén por Prado á hora de incorporala nas listas do PP ao Parlamento da Galiza nas eleccións de 2009. Ao seu favor, xogou o seu estilo duro na corporación. Na mesma liña, tiveron en conta a súa militancia de vello na formación conservadora, a onde se sumou nos seus anos universitarios, ocupando responsabilidades menores en Novas Xeracións e na Asociación Democrática Universitaria, unha organización estudantil da dereita liderada naquela altura polo actual voceiro do PP en Compostela, José Antonio Constenla.

Portavoz do partido con Feixoo

O segundo regalo veulle a Prado de mans de Feixoo en 2013. O entón presidente da Xunta ascendeuna a voceira do partido, co obxectivo de darlle voz orgánica a unha formación con baixo perfil pola presenza do seu secretario xeral no Executivo. Na decisión pesou o seu "estilo duro", o gusto por confrontar coa oposición e a ausencia de peso interno no partido, aspecto chave para que o seu nomeamento non se analizase en chave sucesoria.

Naquela altura, como hoxe, Prado non contaba con moitos amigos no PP, sendo criticada polos propios compañeiros do grupo parlamentario polo estilo "altivo, as formas arrogantes, certo clasismo e as súas dificultades para relacionarse".

O último agasallo fíxollo Alfonso Rueda ao designala secretaria xeral do PP para facer de martelo da oposición. O seu estreo na responsabilidade respondeu ás expectativas agardadas, sendo habituais os choques cos dirixentes do BNG e PSdeG pero tamén cos seus propios compañeiros de partido. Diferentes cadros da formación e varios deputados fixéronlle chegar a Rueda o malestar coas formas e o estilo de Prado, respondendo o presidente que “Paula é así”.

Comentarios