Protestas contra Rajoy e Feijóo en Compostela

Un Rajoy nervioso non quixo responder á preguntas da prensa no acto entrega da medalla da Gran Cruz da Orde de Isabel La Católica ao ex-presidente da Xunta, Fernández Albor. No exterior, a Plataforma de afectad@s polas Preferentes de Compostela e Ferrol berraban consignas contra os que consideran culpábeis da súa situación.
Acto condecoración Albor en Fonseca

A entrega da medalla da Gran Cruz da Orde de Isabel La Católica ao ex-presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, conseguiu reunir ao ministro de Asuntos Exteriores, e a toda a plana maior do PP galego, con Rajoy á cabeza no Pazo de Fonseca. Coa sombra do caso Pokemon, o alcalde de Compostela non acudiu ao acto, e a demanda contra Baltar, Rajoy non quixo realizar declaracións a ningún medio de comunicación. “Hoxe veño a outra cousa”, foron as súas únicas palabras cando se lle preguntou por estes temas.

Quen si falou foi o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para asegurar que o seu partido non adiantará ningunha decisión até o 17 de xaneira, cando Currás declare en Lugo.

Protestas pol@s afectad@s das preferentes

O peche ao público de toda a zona que arrodea o Pazo de Fonseca, mesmo a maior parte da praza do Obradoiro, non impediu que medio cento de persoas da Plataforma de afectad@s polas Preferentes de Compostela e Ferrol amosaran o seu descontento no exterior. Desde as 11 da mañá a policia arrodeounos con valados metálicos a moita distacia da porta principal do Pazo de Fonseca. Aínda así, despois de comprobar que os berros e consignas chegaban ao interior a policía quixo que foran aínda máis lonxe e procedeu a identifical@s e dúas persoas remataron en comisaría.

"Quixeron silenciar a protesta, en ningún momento deixamos de identificarnos", asegura Pepe, unha das persoas membro da Plataforma detida. "Consideramos lamentábel que se nos trate desta maneira, cando seguro que había persoas no acto responsábeis da estafa". A Plataforma ten previsto realizar unha asemblea o día 7 de xaneiro para continuar as mobilizacións.

"Consideramos lamentábel que se nos trate desta maneira, cando seguro que había persoas no acto responsábeis da estafa"

O acto

Comezou o acto co discurso de José Manuel García-Margallo, ministro de Asuntos Exteriores, quen lembrou episodios da vida do ex-presidente da Xunta como o seu paso polo “exército Nacional” e a propia institución autonómica. García-Margallo non deixou escapar a ocasión de lembrar a actualidade política en Catalunya ao sinalar que “fracasará” calquera intento de independencia “porque saír de España significa saír de Europa”.

Despois interveu Alberto Núñez Feijóo quen repetiu a idea de que “o proxecto de Galiza é o proxecto de España” e agradeceu que “outros deixaron o país que temos como nós deixaremos aos que viñan despois”. 

Logo dos agradecementos de Gerardo Fernández Albor pechou o acto a intervención de Mariano Rajoy. O seu discurso lembrou a cidade de Compostela como “punto neurálxico da conciencia europea” e reiterou a idea dunha Galiza como “referente e prototipo” nunha “España singular”, unha liña argumental repetitiva en todo o acto.

Baltar tranquilo

Un dos presentes na cerimonia foi o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. A preguntas da prensa sobre a demanda contra o seu pai por prevaricación presentada poa Fiscalía afirmou estar “tranquilo” e disposto a colaborar coa xustiza. Manifestou o seu “respecto” polas decisións xudiciais e non sabe se o PP abrirá ou non un expediente a Xosé Manuel Baltar tal e como apuntar as normas internas do seu partido.

Comentarios