23-X

Polémica en Marín por un cántico da orquestra Furia Joven nas Festas do Carme: "Que te vote Txapote"

O Concello de Marín, gobernado polo PP, contratou para as Festas do Carme a banda canaria Furia Joven, que durante a súa actuación cantou o lema abandeirado pola dereita nesta campaña electoral: "Que te vote Txapote".
Concerto de Furia Joven en Marín.
photo_camera Concerto de Furia Joven en Marín.

A dereita fixo seu durante esta campaña o lema "Que te vote Txapote", posibelmente as palabras máis repetidas nos últimos meses co obxectivo de desacreditar o presidente do Goberno español e candidato do PSOE á reelección, Pedro Sánchez. Foi un tema que tamén saíu á palestra no 'cara a cara' da semana pasada entre Sánchez e o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, quen precisamente se negou a pedir publicamente aos dirixentes 'populares' que deixasen de empregalo, após pedirllo o seu adversario.

As alusións a Francisco Javier García Gaztelu Txapote, quen desde 2005 cumpre unha condena de 30 anos de prisión por crimes cometidos cando pertencía a ETA, apareceron en mitins electorais de PP e Vox, no Congreso e o Senado... e mesmo en eventos festivos. Foi o caso das Festas do Carme de Marín (O Morrazo), un concello gobernado pola 'popular' María Ramallo que para a edición deste ano contratou a orquestra Furia Joven para subir ao escenario a pasada sexta feira.

Un concerto que as persoas alí presentes lembran non precisamente pola interpretación das cancións do momento, senón por un tema en concreto que non gustou, en absoluto, aos socialistas de Marín: o "Que te vote Txapote" soou en boca dun dos vocalistas da banda, algo que, para o portavoz do PSOE no municipio, Manuel Pazos, que lembra que Furia Joven foi "contratada co diñeiro de todos os marinenses", é "deplorábel".

Que se poñan a corear cánticos ofensivos como 'Que te vote Txapote' é algo que non sucedeu nunca na nosa vila e que esperamos que non volva suceder", di o concelleiro socialista, en relación ao "lamentábel espectáculo" que se viviu aquela noite.

Pazos tamén salienta que a maioría das persoas que secundaron o cántico "eran de fóra" de Marín e demanda tanto á orquestra como a quen os seguiron "que se empapen do excelente clima de educación e respecto político que existe no noso municipio".

"Pídolles que non traian a súa crispación desde outros lugares a unha vila como Marín, na que levamos moitos anos sendo exemplo de como se poden defender diferentes posicionamentos políticos sen extremismos, sen crispación e sen insultos", engade.

Pola súa parte, a orquestra, orixinaria de Gran Canaria, emitiu un comunicado, reproducido por Carriola de Marín, no que pediu desculpas polo sucedido e alegou que o cantante "ignoraba ao completo o significado" dese polémico lema, o que consideran un "grandísimo erro e un acto que reprochamos profundamente e non compartimos en absoluto".

Comentarios