Por que o "caso Vilares" é o "caso Rueda"?

A decisión de nomear ou cesar a un membro dun Goberno é sempre do seu presidente. Rueda non só nomeou a Vilares contra o criterio maioritario do seu partido senón que o mantivo tras ser denunciado por agresión sexual.

Abrazo Rueda e Villares
Rueda abrazando a Vilares na toma de posesión de Marta Vilaverde como conselleira do Mar. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Alfonso Rueda coñecía desde o mes de febreiro que Alfonso Vilares fora denunciado por un presunto delito de agresión sexual. Porén, mantívoo no seu Goberno até que a querela presentada pola vítima foi admitida a trámite polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O mandatario galego non veu inconveniente en que o conselleiro do Mar continúase no seu Goberno unha vez coñecidos os delitos que se lle atribuían, restándolles así importancia a un caso por agresión sexual e  amosando unha falta clara de empatía coa vítima,

Rueda amosou desde o mes de febreiro que unha persoa denunciada por agresión sexual ten cabida no seu Goberno e expresou de xeito implícito a súa consideración sobre a violencia de xénero. O tratamento a Vilares na toma de posesión da súa sucesora á fronte da Consellaría do Mar, Marta Vilaverde, evidenciou que a posición do presidente da Xunta é partillada por todo o seu Executivo.

O apoio de Rueda á continuidade de Vilares dentro do Executivo galego convérteo en responsábel político do caso. A presenza ou a saída dun integrante dun Goberno depende sempre da decisión do seu presidente e, neste caso, o mandatario galego entendeu que alguén denunciado por agresión sexual tiña cabida no seu Gabinete.

Rueda, o patrocinador político de Vilares

Rueda foi o principal e, case, único patrocinador do salto de Vilares ao Goberno galego en 2023. O anterior conselleiro do Mar facía parte do círculo persoal do presidente galego desde hai máis dunha década, xogando un papel chave nesta relación a súa designación como vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en 2011.

A escolla de Vilares como conselleiro do Mar por Rueda non contou co apoio da dirección do PP de Lugo. Vilares atopábase enfrontado á mesma desde 2016, cando defendeu  a candidatura de Raquel Arias á presidencia do PP en Lugo fronte a alternativa de Elena Candia, finalmente gañadora, ao contar co apoio do aparato lugués do partido.

O denunciado exconselleiro do Mar tampouco gozaba do apoio fechado da afiliación do PP de Cervo. Malia manterse como alcalde dese concello da Mariña entre 2007 e 2023, dentro do partido na localidade estaba enfrontado ao grupo nucleado ao redor do antigo parlamentario e actual senador, José Manuel Balseiro, quen partillou con Vilares cadeira na corporación de Cervo durante varios mandatos.

A traxectoria política de Vilares non se explica sen Rueda. Esta proximidade, que vai máis alá da política e está forxada nunha relación persoal íntima e chea de complicidades e afeccións comúns, puido pesar na toma de postura do mandatario galego. Sexa como for, Rueda continúa a ser a principal defensa de Vilares.      

Comentarios