Puente di que a Xunta actuou como "pito sen cabeza" na crise dos pellets

O ministro admite o mal estado da autovía A-6.
O ministro español de Transportes, Óscar Puente, esta cuarta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Transportes, Óscar Puente, esta cuarta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, asegurou esta cuarta feira, nunha comparecencia no Congreso a petición do PP, que das 47 procuras aéreas e marítimas que realizou Salvamento Marítimo (Sasemar) até a actualidade, "ningunha" localizou boliñas de plástico nin sacos.

Puente criticou a xestión da Xunta da Galiza, á que acusou de actuar "como pito sen cabeza" neste asunto. "O que o día 9 non parecía xustificado, elevar o nivel de alarma, considérase xustificado o día 10. O que o día 8 non podía facerse, recoller os residuos no mar, si se considera posíbel o día 10, até o punto de solicitar todos os medios marítimos e aéreos do Goberno estatal en toda a Galiza", advertiu.

O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, respondeu a Puente dicindo que na súa intervención "non andou polas ramas" porque "baixou da árbore", algo que o ministro lle afeou ao consideralo un insulto. Ademais, o popular sostivo que "se recollesen un saco por cada chío publicado desde o Goberno de España e desde os partidos que o sustentan, medio problema estaría xa solucionado".

Pola súa parte, a deputada de Sumar Verónica Martínez Barbero resumiu a crise dos pellets en tres palabras: "inacción, improvisacións e mentiras". Ademais, enxalzou o "compromiso" do pobo galego.

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, acusou o Goberno galego de deixar "sós os Concellos" e o Executivo estatal de non actuar "nin coa celeridade nin coa dilixencia debidas ante unha situación potencialmente perigosa".

Obras na A-6

Puente afirmou na sesión desta cuarta feira no Congreso ser "consciente" do "mal estado" no que se atopa actualmente o firme da A-6, aínda que defendeu que o Goberno estatal "está a traballar niso". Neste sentido, o ministro español afirmou que actualmente hai 80 quilómetros que están en obras, e adiantou que en dúas semanas adxudicarase o resto do tramo da A-6 para terminar de renovar o firme.

Comentarios